Méndez Romeu anuncia a distribución das nove unidades xudiciais propostas pola Comisión Mixta de Xustiza para 2009 en Galicia

  • Tres prazas de maxistrado no TSXG, un xulgado mercantil e outro social para A Coruña, un xulgado de primeira instancia especializado en familia para Vigo e tres xulgados de primeira instancia situados en Ferrol, en Lugo e en Tui
  • En decembro trasladaranse a Matogrande a xurisdición contencioso-administrativa e os xulgados do mercantil da Coruña

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, anunciou esta mañá a distribución das 9 unidades xudiciais que propón a Comisión Mixta de Xustiza para o 2009 en Galicia. Esta proposta trasladarase ao Ministerio de Xustiza para que decida, na Conferencia Sectorial, as unidades xudiciais que creará o Goberno central nesta Comunidade Autónoma. Segundo dixo, propóñense tres prazas de maxistrado para o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) –dúas na sala do contencioso-administrativo e unha na sala do social-, un xulgado mercantil e un xulgado do social para Coruña, un xulgado de primeira instancia especializado en familia en Vigo, dous xulgados de primeira instancia situados en Ferrol e en Lugo e un xulgado mixto para Tui. Así o dixo trala reunión da Comisión Mixta de Xustiza Xunta de Galicia-TSXG.

Méndez Romeu sinalou tamén que a primeira unidade xudicial que se pedirá que entre en funcionamento será a do xulgado mercantil na Coruña e que funcionará “probablemente antes do verán”. Neste sentido, explicou que o caso Martinsa-Fadesa está xerando gran número de incidencias. Doutra banda, o conselleiro indicou que o reparto de unidades se acordou tendo en conta as estatísticas xudiciais, de pendencia e de asuntos de entrada, entre outras variables. Por iso, Méndez Romeu agarda que a creación de novas unidades “inflúa no tempo de resposta e resolución dos asuntos xudiciais e, polo tanto, mellore a eficacia do sistema xudicial en Galicia”.

Traslado a Matogrande
O titular de Presidencia afirmou que será a xurisdición do contencioso administrativo a que se trasladará a Matogrande xunto cos xulgados do mercantil -6 xulgados en total- o vindeiro mes de decembro. A decisión, segundo declarou, tomouse tras ponderar asuntos como a carga de traballo e as dificultades organizativas. Neste sentido, expresou que a Consellería de Presidencia propuxo dende un principio o traslado de xurisdicións completas para evitar unha disgregación que orixinase “molestias para os cidadáns e complicacións para os profesionais” e engadiu que “os traballadores teñen que adaptarse en función dun interese superior: o do conxunto do sistema xudicial”.

Ademais, deste xeito, darase “unha reorganización dos espazos dos edificios da rúa Monforte” que permitirá cumprir tres obxectivos: mellorar as condicións de traballo dalgúns xulgados como o de violencia de xénero –para garantir comodidade, seguridade e mellor atención-, establecer zonas de información e orientación e zonas de espera e mellorar as condicións de traballo da Fiscalía, segundo o conselleiro. Esta reorganización avanzou iniciarase a partir de decembro, coincidindo co traslado do rexistro civil á Praza de Vigo, dixo o conselleiro.

Deste xeito, Méndez Romeu lembrou que mentres que na Coruña non se constrúa o novo edificio xudicial –algo que pode prolongarse tres ou catro anos xa que está pendente a desafección dos terreos que a Autoridade Portuaria cederá nos peiraos para tal fin e así iniciar a redacción e a licitación do proxecto para a súa construción-, instalaranse “provisionalmente” algunhas unidades xudiciais en Matogrande “baixo criterios de eficiencia e racionalidade”.

Doutra banda, o conselleiro falou da “complicación” que suporía para o funcionamento da Administración de xustiza trasladar a Matogrande as unidades de nova creación posto que, ao cabo de varios anos, daríase unha “confusión progresiva que non redundaría en beneficios para ninguén”. Neste sentido, explicou que as unidades xudiciais dunha mesma xurisdición estarían separadas e o cidadán tería confusións para saber a onde acudir, ao mesmo tempo que se dificulta o traballo dos profesionais.

Los comentarios están cerrados.