Fonte: El Correo Gallego.es
O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, xustificou a inclusión de Xustiza no departamento que dirixe debido a que a actual situación de crise económica obrigou a un exercicio de “austeridade” por parte da Xunta, aínda que o PPdeG demandou durante os catro anos de oposición un departamento específico para esta área e se comprometera a crealo se volvían gobernar.
“Entendo a súa pregunta e vostede terá que entender a resposta”, indicou Roda á deputada socialista Beatriz Sestayo, á que explicou que “se se piden esforzos de austeridade á cidadanía”, o Goberno debe secundar cun compromiso de redución de gastos e “eficacia”. “Reducimos nun 25 por cento as consellerías”, apuntou.
Así, argumentou” que “son e segue sendo indispensable darlle entidade e presuposto” ao ámbito da Xustiza, algo que se comprometeu a executar outorgando nas contas partidas abondo e dotando dos medios “humanos” precisos para potenciar o sistema xudicial en Galicia.
“Seguro que información tiñan de que había crise e aínda así prometeron crear a consellería”, espetou Sestayo a Alfonso Rueda, quen lle replicou que o que descoñecían era a situación das arcas autonómicas que lles deixou o bipartito e que se encontraron á súa chegada á Xunta.
Colapso e promesas
Desta forma, Rueda reprochoulle a “desviación de fondos para a Xustiza gratuíta do 62 por cento e o paso de tres directores xerais de Xustiza” durante a lexislatura pasada.
Herdamos un colapso na Xustiza gratuíta e agora nós ímolo resolver”, agregou e sentenciou: “e non me fale de promesas, que en Vigo aínda están a esperar a Consellería de Pesca,” en referencia ao compromiso do PSdeG en 2005 de trasladar ese departamento á cidade olívica.
Por outro lado, Rueda ratificou o compromiso de “austeridade, eficacia e eficiencia” ante a pregunta do ‘popular’ Antonio Rodríguez Miranda, quen o cuestionou sobre como valora a redución do número de altos cargos por parte da nova Xunta en relación ao bipartito.
O conselleiro de Presidencia tamén confirmou que se reducirá o persoal eventual da Administración autonómica e asegurou que se reformará a situación deste colectivo, para o que demandou ás forzas políticas que se “corresponsabilicen” do reto da “austeridade”.