O 16 de marzo aprobouse polo Congreso dos Deputados, a modificación da Lei de 2011 do Rexistro Civil, así como A Proposición de LO complementaria da Lei pola que se modifica a Lei 20/2011 do 21 de Xullo de Rexistro Civil. O seguinte paso é levala ao Senado, tendo previsto que a súa entrada en vigor sexa o 30 de abril deste ano. A Cámara Alta pode aprobar o texto nos seus termos, presentar emendas ou propoñer un veto. No caso dos dous últimos supostos, a iniciativa tería que regresar ao Congreso dos Deputados.
Se desexas ter esta nota en formato pdf, pica aquí.
1.- CAMBIOS NA LOPJ QUE ADSCRIBEN DEFINITIVAMENTE AO REXISTRO CIVIL E AOS SEUS FUNCIONARIOS NO ÁMBITO DA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA.
Engádese o artigo 439 bis (Proposición de LO complementaria da Lei pola que se modifica a Lei 20/2011 do 21 de Xullo de Rexistro Civil) no cal deixa claro que o Rexistro Civil constitúe unha unidade que sen estar integrada na Oficina Xudicial, sí forma parte do ámbito da Administración de Xustiza que se encargará da levanza do referido servizo público, vinculando ao Ministerio de Xustiza a labor do seu desenvolvemento.
Modifícase o artigo 445 relativo ás situacións administrativas dos Letrados da Administración de Xustiza (Que serán iguais e cos mesmos supostos que para Xuíces e Maxistrados)
Modifícase o artigo 520 no sentido de que xa inclúe como postos de traballo dos funcionarios da Administración de Xustiza as oficinas do Rexistro Civil.
Engádese o apartado 5 ao artigo 522 dando competencia exclusiva para a elaboración e aprobación das relacións de postos de traballo das oficinas do Rexistro Civil ao Ministerio de Xustiza e ás CCAA con competencias asumidas nos seus respectivos ámbitos territoriais.
2.- ¿COMO QUEDARÁ ESTRUTURADO O REXISTRO CIVIL?
A iniciativa supón a supresión dos Xulgados que viñan exercendo estas funcións e a súa substitución polas denominadas Oficinas xerais de Rexistro Civil, a cargo de funcionarios da Administración de Xustiza.
Existirán 3 tipos de oficinas: OFICINA CENTRAL (Que substituirá ao actual Rexistro Civil Central e na que o Ministerio de Xustiza designará aos Encargados da devandita oficina), OFICINAS XERAIS (que detallamos a continuación) e OFICINAS CONSULARES (a cargo dos Cónsules de España, ou funcionarios diplomáticos encargados das Seccións Consulares da Misión Diplomática).
3.- OFICINAS XERAIS
Situaranse nas capitais que sexan partido xudicial. Onde existan Xulgados con funcións exclusivas de Rexistro Civil quedarán suprimidos creándose as Oficinas Xerais de Rexistro Civil.
Naqueles partidos xudiciais onde os Xulgados de 1ª Instancia ou de 1ª Instancia e Instrución veñan desenvolvendo funcións de Rexistro Civil continuarán realizándoas como Oficinas Xerais de Rexistro Civil. En todo caso as funcións serán similares ás que veñen desenvolvéndose na actualidade.
As Secretarías de Xulgados de Paz ou as Unidades procesuais de apoio directo a Xulgados de Paz terán a función de oficinas colaboradoras co Rexistro Civil, desempeñando diversas funcións relativas á recepción, rexistro de solicitudes, declaracións, certificacións, fes de vida e outras actuacións que se establezan regulamentariamente ou pola Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública.
Todas as Oficinas do Rexistro Civil utilizarán os mesmos sistemas e aplicacións informáticas que proverá o Ministerio de Xustiza, en coordinación coas comunidades autónomas con competencias transferidas en Xustiza.
4.- PERSOAL DO REXISTRO CIVIL
Os Encargados do Rexistro Civil serán os Letrados da Administración de Xustiza que estean a ocupar posto definitivo no Rexistro Civil Central ou Xulgados con funcións exclusivas, ou non, de Rexistro Civil no momento de entrada en funcionamento das Oficinas de Rexistro Civil.
Exercerán as súas labores baixo a dependencia funcional da Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública. Por necesidades do servizo poderase designar máis dun Encargado.
O persoal funcionario ao servizo da Administración de Xustiza que, no momento da entrada en vigor da presente Lei, estea a prestar servizos con destino definitivo no Rexistro Civil Central e os Rexistros Civís Exclusivos alá onde os houber ou teña asignadas funcións de rexistro nas oficinas xudiciais con adscrición de Rexistro Civil, continuará desenvolvendo as súas funcións respectivas de Rexistro Civil, compatibilizándoas, no seu caso, coas que exerzan dentro da Administración de Xustiza na oficina xudicial á que estivese adscrito o Rexistro Civil, con abono da totalidade das retribucións que viñesen percibindo, polo mesmo pagador que as estivese facendo efectivas.
En tanto non se implanten as estruturas e relacións de postos de traballo oportunas no ámbito do Rexistro Civil, as novas Oficinas do Rexistro Civil e do Rexistro Civil Central continuarán considerándose centro de destino para os funcionarios dos Corpos da Administración de Xustiza.
Os postos de traballo das Oficinas do Rexistro Civil só poderán cubrirse por funcionarios da Administración de Xustiza e a dotación de persoal determinarase mediante o procedemento previsto na LOPJ para a ordenación e integración nas unidades que conforman as oficinas xudiciais.
5.- MELLORAS PARA OS CIDADÁNS
– A partir da data de entrada en vigor da presente Lei non se expedirán Libros de Familia.
– Crearase un rexistro individual de cada cidadán que se abrirá coa inscrición de nacemento ou primeiro asento que se practique e anotaranse sucesivamente todos os feitos e actos que teñan acceso ao Rexistro Civil. (Cada cidadán terá o seu código persoal)
– Os cidadáns poderán presentar a solicitude e a documentación requirida ante calquera Oficina do Rexistro Civil ou remitila electrónicamente. Igualmente, poderán presentar nos Concellos a solicitude e a documentación necesaria para as actuacións ante o Rexistro Civil.


















