No DOG de hoxe, 16.3.09, publícase a Resolución do 18 de febreiro de 2009, da Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade á campaña de vixilancia periódica da saúde para o ano 2009 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia.
De acordo co disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, modificada pola Lei 54/2003, do 12 de decembro, de reforma do marco normativo da prevención de riscos laborais, o empresario garantiralles aos traballadores ao seu servizo a vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo.
O Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establece no artigo 8.2.2 da sección 3ª que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia realizará, entre outras funcións, a vixilancia da saúde en relación cos riscos derivados do traballo que, en todo caso, terá que contar co seu consentimento respectando o dereito á intimidade e á dignidade.
Con base no antedito, publícase esta convocatoria de campaña da vixilancia periódica da saúde no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia para o ano 2009, de acordo coas seguintes premisas.
Primeira.-Obxecto.
Prestación da vixilancia da saúde ao persoal empregado público en función dos riscos inherentes ao traballo segundo o disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.
Segunda.-Ámbito de aplicación.
É aplicable a todos os traballadores da Administración xeral da Xunta de Galicia agás o persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde, e persoal de entes públicos e fundacións.
Terceira.-Inscrición.
A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento que está dispoñible na páxina web da Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza-Servizo de Prevención de Riscos Laborais).
A inscrición debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a tramitación da solicitude.
Toda inscrición xerará un xustificante do consentimento que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.
O prazo de inscrición rematará transcorridos vinte días a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, agás persoal de nova incorporación e persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde.
Cuarta.-Citacións.
A falta de asistencia á cita implicará, agás causa de forza maior debidamente xustificada ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais no prazo de cinco días, que o traballador/a renuncia ao recoñecemento médico de forma voluntaria.
Quinta.-Resultados e entrega dos informes da vixilancia da saúde.
Os resultados da vixilancia da saúde serán subscritos polo facultativo competente, teñen carácter persoal e reservado e a entrega farase en sobre pechado a cada traballador/a ou por correo electrónico sempre que o interesado preste o seu consentimento.
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2009.
Santiago Antonio Roura Gómez