Como era de prever, a orde do día que debía debaterse no grupo de traballo do día de onte, esixiría moitas horas, mellor días, para concretar minimamente o seu contido. A xeito de resumo podémosvos trasladar as seguintes conclusións de cada punto que se debateu:
1) NOVA OFICINA XUDICIAL.- Negociación dos decretos de servizos comúns xerais e unidades técnicas administrativas e unidades de apoio: A pesar de que a Administración xa dispoñía das alegacións efectuadas dende as organizacións sindicais, nada achegou de novo, máis que un desexo enorme de publicar tales decretos e levalos á práctica. Non obstante á vista da oposición frontal sindical , e da esixencia a que se negocie cada extremo da nova oficina xudicial dende a base e estúdese de xeito individualizado cada localidade na que estes servizos serán implantados con todas as consecuencias que iso supoñerá, a Administración accedeu a comezar a realizar ese traballo pormenorizado e para iso comezaremos cunha nova reunión que terá lugar o próximo día 17 de febreiro, mércores, co obxecto de debater o Decreto polo que se constitúen as unidades técnico-administrativas e as unidades de apoio.
Á parte disto, o que vos podemos dicir é que as datas que se manexan nos documentos informativos entregados ás centrais sindicais para a entrada en funcionamento dos Servizos Comúns Xerais, Servizos Comúns Centralizados de Auxilio, etc., non se cumprirán.
Moitos de vós trasladástenos a vosa inquietude, ante as informacións sesgadas que vos estiveron a trasladar, acerca da inminente entrada en funcionamento destes servizos. A cuestión é que todo está por negociar, co que facer aseveracións sobre que estes servizos entrarán en funcionamento o 30 de abril próximo, é cando menos unha imprudencia, por non dicir unha irresponsabilidade, achacable aos que non distinguen un decreto dun documento informativo.
En relación co SERVIZO CENTRALIZADO DE AUXILIO XUDICIAL, SPJ-USO, solicitou, no transcurso da reunión, que se mantivese ao corpo de Auxilio Xudicial dentro dos actuais xulgados, polo menos mentres non se desenvolva na súa totalidade a implantación da oficina xudicial de Galicia, pedindo polo tanto a suspensión das experiencias piloto de Ourense e Santiago. Todas estas cuestións desenvolverémolas no seu momento cando se negocie en concreto o decreto que regule os Servizos Comúns Xerais.
2) RPT’s FISCALIAS.- A administración encargoulle á empresa NOVOTEC, a elaboración e presentación da proposta inicial das RPT’s das fiscalías.
Entre as funcións encomendadas a esta empresa estarán as da realización do diagnóstico da situación actual dos postos agora existentes, a preparación dos cuestionarios, realización de entrevistas, presentación e proposta inicial das RPT ‘s e presentación da documentación final das RPT’s definitivas que sirva de base de negociación entre a administración e as centrais sindicais.
Fíxase como calendario orientativo por esta empresa para a elaboración das RPT’s das Fiscalías o seguinte:
1 mes para o lanzamento do proxecto.
2 meses para a análise organizativa
3 meses para a elaboración do catálogo de postos.
3 meses para a elaboración das RPT’s.
3) AMPLIACION CADRO PERSOAL.- Traslado da ampliación do cadro de persoal de determinados Xulgados: Dannos traslado da resolución do Conselleiro pola que se aproba unha relación dos postos de traballo do persoal ao servizo da administración de Xustiza en Galicia, que afectará aos Xulgados de Menores da Coruña (1X-4T-1A) e Pontevedra (1X-4T-1A), Primeira Instancia n.º 3 de Santiago de Compostela, leva o RC (4X-6T-2A) , Xulgados de Primeira Instancia e Instrución de Muros (2X-3T-1A), Negreira (2X-3T-1A) e Sarria (2X-4T-1A) e dos Xulgados de Paz de Barbadás (1X-1A) e Salceda de Caselas (1X-1A).
Sen menosprezar esta actuación da Xunta, recordámoslle o seu compromiso de transformar en prazas a ofertar en concursos de traslados, todos aqueles reforzos que se prolongan ano tras ano.
Por outra parte dannos traslado das prazas vacantes que se sacarán no próximo concurso. Dannos traslado dunha ampliación das prazas que se ofertarán ao corpo de xestión procesual. A convocatoria realizarase durante o mes de marzo.
4) INTERINOS.- Con respecto ás Bolsas de persoal Interino dos corpos Xenerais de Xustiza, Xestión, Tramitación e Auxilio, xa están realizadas as baremaciones daqueles que no seu día foron excluídos e sairán publicadas a próxima semana, ¡ollo! o que sairá será a baremación que se fixo á xente que nas listas provisionais, por ser excluídas, non se lle realizara, e daráselles un prazo de 10 días para alegacións. Unha vez realizadas ou transcorrido o prazo para iso, sairán por fin as listas definitivas. De todos os xeitos, o venres 19 de febreiro, temos en Santiago reunión de interinos, así que, nuns días, vos contaremos outro capítulo máis desta telenovela.