Tres prazas de maxistrado no TSXG, un xulgado mercantil e outro social para A Coruña, un xulgado de primeira instancia especializado en familia para Vigo e tres xulgados de primeira instancia situados en Ferrol, en Lugo e en Tui- En decembro trasladaranse a Matogrande a xurisdición contencioso-administrativa e os xulgados do mercantil da Coruña
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, anunciou esta mañá a distribución das 9 unidades xudiciais que propón a Comisión Mixta de Xustiza para o 2009 en Galicia. Esta proposta trasladarase ao Ministerio de Xustiza para que decida, na Conferencia Sectorial, as unidades xudiciais que creará o Goberno central nesta Comunidade Autónoma. Segundo dixo, propóñense tres prazas de maxistrado para o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) –dúas na sala do contencioso-administrativo e unha na sala do social-, un xulgado mercantil e un xulgado do social para Coruña, un xulgado de primeira instancia especializado en familia en Vigo, dous xulgados de primeira instancia situados en Ferrol e en Lugo e un xulgado mixto para Tui. Así o dixo trala reunión da Comisión Mixta de Xustiza Xunta de Galicia-TSXG.
Méndez Romeu sinalou tamén que a primeira unidade xudicial que se pedirá que entre en funcionamento será a do xulgado mercantil na Coruña e que funcionará “probablemente antes do verán”. Neste sentido, explicou que o caso Martinsa-Fadesa está xerando gran número de incidencias. Doutra banda, o conselleiro indicou que o reparto de unidades se acordou tendo en conta as estatísticas xudiciais, de pendencia e de asuntos de entrada, entre outras variables. Por iso, Méndez Romeu agarda que a creación de novas unidades “inflúa no tempo de resposta e resolución dos asuntos xudiciais e, polo tanto, mellore a eficacia do sistema xudicial en Galicia”.



















