ORDE do 24 de febreiro de 2020 pola que se regula o exercicio dos dereitos electorais do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia nas eleccións convocadas para o día 5 de abril de 2020 polo Decreto 12/2020, do 10 de febreiro, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións.
O persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que o día das eleccións non desfrute do seu descanso semanal terá dereito a un permiso retribuído de ata catro horas libres para exercer o seu dereito ao voto, sempre que a súa quenda de traballo, o día 5 de abril de 2020, coincida, polo menos en catro horas, co tempo en que permanecerán abertas as mesas electorais. Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.
O persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que teña previsto que na data da votación non se atopará na localidade onde lle corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poida exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporá, no seu horario laboral, de ata catro horas libres para que poida formular persoalmente a solicitude de certificación acreditativa da súa inscrición no censo, que se recolle no artigo 72 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, así como para a remisión do voto por correo.
O persoal nomeado presidenta/e ou vogal de mesas electorais e as/os que acrediten a súa condición de interventoras/es teñen dereito, durante o día da votación, a un permiso retribuído de xornada completa se non desfrutan en tal data de descanso semanal e a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.
As/os que acrediten a súa condición de apoderadas/os teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación se non desfrutan nese día de descanso semanal.
A acreditación do persoal nomeado presidenta/e ou vogal de mesas electorais ou da condición de interventoras/es ou de apoderadas/os realizarase mediante a achega da oportuna xustificación documental na correspondente dirección ou xefatura de persoal.
O persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que se presente como candidata/o ás eleccións que terán lugar o vindeiro 5 de abril poderá ser dispensado, logo da súa solicitude, da prestación do servizo nas súas respectivas unidades durante a campaña electoral; é dicir, desde as cero horas do venres 20 de marzo de 2020 ata as vinte e catro horas do venres 3 de abril de 2020. A competencia para a concesión do referido permiso corresponderalle á secretaría xeral técnica de cada consellería.
As direccións ou xefaturas de persoal das dependencias onde prestan os seus servizos as persoas afectadas por esta orde exixiranlles a estas os oportunos xustificantes expedidos polas mesas electorais de que foi exercido o seu dereito ao voto.


















