No día de hoxe, publicouse na Intranet que o vindeiro venres 6 de novembro publicarase no BOE e no DOG a Resolución do 19 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslados para prazas vacantes entre funcionarios dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial da Administración de xustiza, anunciado pola Resolución do 20 de maio de 2015.
Segundo a resolución, tanto a toma de posesión coma os cesamentos realizaranse na xefatura ou delegación territorial correspondente ao destino. Por cuestións organizativas, a formalización da toma de posesión terá lugar entre as 9.00 e as 11.30 h e a dos cesamentos entre as 11.30 e as 14.00 h, de luns a venres. Á marxe das datas de cesamento fixadas na resolución (corpo de tramitación o día 11/11/2015, auxilio e xestión o día 16/11/2015), no caso de que un funcionario reingresado tome posesión antes das datas indicadas na praza doutro que tamén obtivese destino no concurso, este segundo cesará o mesmo día da toma de posesión do reingresado, empezando a contarlle o seu respectivo prazo posesorio.
Persoal procedente de fóra da comunidade:
- Fotocopia do DNI
- Ficha de recollida de datos (persoais e bancarios)
- Fotocopia da tarxeta sanitaria (unicamente para ingresos posteriores a 01/01/2011) e/o tarxeta da MUXEXU
- Certificado de haberes
- Certificado ou copia dos trienios
- Certificación das vacacións e días gozados na Administración da que procedan
- Modelo 145 (IRPF)
Persoal destinado na comunidade:
- Fotocopia do DNI
- Ficha de recollida de datos (persoais e bancarios)
*No caso de non estar en posesión dalgún dos documentos, estes remitiranse canto máis axiña sexa posible ao correspondente servizo de xustiza.


















