O DOG anuncia o expurgo de preto de 360.000 expedientes procedentes dos xulgados das catro provincias galegas

A proposta inclúe arquivos de 15 partidos xudiciais da comunidade galega e destruiranse documentos que datan desde 1968 co obxectivo de desconxestionar as instalacións xudiciais, organizar a documentación e mellorar a xestión diaria

Os interesados nos procesos obxecto de expurgo teñen dous meses de prazo para recuperar os documentos que presentaron no seu día

Consonte ao previsto no Real decreto de modernización dos arquivos xudiciais, procedese á publicación da resolución adoptada pola Xunta de Expurgación na súa última sesión plenaria, a finais de xuño, na sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A publicación no DOG é un paso previo á destrución destes documentos, un material que axudará a liberar espazo en moitos arquivos xudiciais de Galicia.

No anuncio enuméranse as series documentais que serán eliminadas e advírtese aos interesados nestas actuacións xudiciais de que dispoñen de un prazo de dous meses para recuperar aqueles documentos que presentaran no seu día no proceso.

Así mesmo, tamén se explica que quen pretenda recuperar documentos ou obter testemuño ou certificación dos procedementos deberán formular a súa solicitude por escrito ante a secretaría da Xunta de expurgación nese mesmo prazo.

29 órganos de 15 partidos xudiciais galegos

O proceso de expurgo afecta nesta ocasión a 29 órganos de 15 partidos xudiciais, a 4 xulgados da Coruña, 18 de Pontevedra, 5 de Lugo e 2 de Ourense. A maioría dos documentos son das décadas dos 80 e 90, aínda que tamén se destruirán series documentais dos anos 70 que se conservan en xulgados de Instrución de Vigo e A Coruña e no de distrito número 2 de Pontevedra. Ademais, no xulgado de Primeira Instancia de Sarria expurgaranse expedientes que datan de 1968.

O grupo máis numeroso está formado por dilixencias previas, que conta con case 270.000 expedientes. A maioría destes documentos proveñen de xuízos de faltas e recursos de apelación a estes casos de distintos xulgados das provincias de Pontevedra e Coruña; do xulgado de vixilancia penitenciaria da Coruña; e de dilixencias previas de distintos xulgados de Galicia.

Dáse así continuidade a outras actuacións que se viñeron desenvolvendo estes anos para avanzar no expurgo xudicial, un procedemento regulado xuridicamente a través do cal se determina cando un documento perde toda a súa utilidade e pode ser destruído ou, pola contra, debe ser conservado.

O Goberno autonómico comezou, hai seis anos, un plan de expurgo na administración de xustiza co obxectivo de gañar espazo e dispoñer de arquivos máis ordenados, útiles e eficaces. Desde a posta en marcha deste plan, téñense trasladado ou eliminado máis dun millón de expedientes dos xulgados galegos. O obxectivo é desconxestionar as distintas instalacións xudiciais, organizar a documentación de forma que quede mellor clasificada e ordenada e redundar nunha mellora na xestión diaria.

O proceso lévase a cabo contando co persoal técnico de arquivos e a través da Xunta de Expurgo, que está composta por representantes do Poder Xudicial, Ministerio Fiscal e Xunta de Galicia, e é o órgano que determina os criterios de cara á conservación dos documentos que puideran ter valor cultural, histórico, xurídico ou administrativo.

En Galicia existen 50 arquivos xudiciais, os do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, as catro Audiencias e os 45 partidos xudiciais; algúns deles con expedientes que datan do seus inicios a comezos do século pasado. Actualmente, nos xulgados galegos xa foron eliminados máis dun millón expedientes.

Ademais deste proceso de expurgo estanse a realizar outras tarefas que tamén teñen como finalidade organizar e liberar espazo nos arquivos dos xulgados, así como permitir a recuperación de documentación histórica. Así, por exemplo, ata o momento retiráronse máis de 100 toneladas de pezas de convicción. Tamén se reorganizou a documentación en caixas, o que permitiu gañar espazo para varios anos.

Trabállase por outra banda na identificación de documentos anteriores a 1946 ou de interese histórico para o seu traslado aos correspondentes arquivos e habilitáronse espazos fóra dos edificios xudiciais para o traslado de expedientes.

ADXUNTAMOS O ENLACE O DOG

 

Descargar PDF

Los comentarios están cerrados.