FOLGA ESTATAL INDEFINIDA POLA LOITA DOS TRABALLADORES EN PRECARIO NA ADMÓN. PÚBLICA

No DOG de hoxe, 1/10/2021, publicouse o DECRETO 128/2021, do 30 de setembro, polo que se ditan normas para garantir os servizos esenciais durante a folga indefinida convocada pola Comisión aberta de folga estatal pola loita dos traballadores en precario das administracións públicas, que comeza o día 4 de outubro de 2021.

No ámbito da Administración de xustiza en Galicia considéranse como servizos esenciais necesarios para garantir o servizo público os seguintes:

1. Servizos de garda de xulgados, fiscalías e Instituto de Medicina Legal.
2. Xuízos orais na orde penal de causas con preso.
3. Medidas precautorias ou provisionais en materia de familia, de violencia sobre a muller e de liberdade provisional, entre outras.
4. Actuacións relativas á violencia de xénero nos xulgados de violencia sobre a muller,
sexan ou non exclusivos.
5. Actuacións urxentes do Rexistro Civil, tales como a expedición de licenzas de enterramento, entre outras.
6. Rexistro de asuntos e documentos en que venza un prazo preestablecido por lei e cuxo vencemento poida deparar perda de dereitos á cidadanía, así como a atención daquelas actuacións en que venza un prazo improrrogable establecido na lei cuxo incumprimento poida afectar o dereito da tutela xudicial efectiva e aquelas cuxa urxencia veña determinada polas leis procesuais ou polos bens xurídicos en xogo.

Para a fixación dos servizos mínimos, a Administración ten en conta igualmente os criterios determinantes que establece a doutrina do Tribunal Constitucional e a xurisprudencia contencioso-administrativa ditada na materia.
Así mesmo, debe terse en conta que, de producirse durante a xornada de folga algunha das actuacións urxentes ou esenciais das establecidas polo artigo 42 do Regulamento 1/2005, do Consello Xeral do Poder Xudicial, dos aspectos accesorios para as actuacións xudiciais ou pola normativa procesual correspondente, estas non poderían ser atendidas polo xulgado de garda, dado que o xulgado competente está en horas de audiencia, motivo este polo que é preciso dispoñer dun mínimo de persoal nos distintos órganos
xudiciais que figuran no articulado para atender as actuacións urxentes e inaprazables, sen vulnerar a atribución de competencias previstas nas correspondentes leis procesuais e no citado Regulamento 1/2005. Cómpre sinalar, a modo de exemplo, as seguintes: autorización de medias precautorias ou de permisos extraordinarios polo Xulgado de Menores; autorización de entrada en domicilio, medidas sanitarias urxentes de saúde pública, medidas
precautorias en materia de estranxeiría, asilo político e refuxiado que impliquen expulsión, devolución ou retorno polos xulgados do contencioso-administrativo; autorización para internamento, medidas cautelares para protección de incapaz, restitución ou retorno de menores nos supostos de subtracción internacional polos xulgados de familia; a celebración de vistas que poidan afectar os dereitos dos traballadores e traballadoras, tales como as demandas de tutela de dereitos fundamentais e liberdades públicas, e as actuacións declaradas urxentes pola lexislación procesual, tales como medidas cautelares necesarias para
asegurar a efectividade da tutela xudicial polos xulgados do social; medidas por dereitos fundamentais da Sala do Contencioso-Administrativo do TSX.
Na fixación dos servizos mínimos preténdese, pois, unha proporcionalidade entre o servizo esencial que cómpre prestar e a garantía do exercicio do dereito de folga dos traballadores e traballadoras, convocada esta vez con carácter indefinido. Neste sentido, o establecemento do persoal mínimo para garantir os ditos servizos esenciais ten en consideración os seguintes criterios, que se expoñen a continuación de forma xeral, con independencia da xustificación concreta que, para cada tipo de órgano ou xurisdición, se especifique en cada suposto.
Para garantir a prestación dos devanditos servizos esenciais, por tanto, establécense os servizos mínimos que se concretan a seguir, para o que se teñen en conta o carácter indefinido da folga, a extensión territorial e as diferentes dotacións de persoal en función do órgano concreto, as distintas funcións dos distintos corpos, de ser o caso, así como as distintas localizacións dos órganos nos edificios xudiciais segundo a localidade e a existencia de órganos especializados nalgunhas cidades, entre outros. Neste sentido, tense en conta, igualmente, a distinción entre órganos xurisdiccionais e aqueles órganos que non o son; órganos nos cales, ou ben non se establecen servizos mínimos, como é o caso dos servizos comúns de atención á cidadanía, ou ben os servizos
que se fixan son inferiores aos establecidos nos primeiros, por canto estes atenden os bens xuridicamente obxecto de maior protección. Igualmente, dentro dos órganos xurisdicionais faise unha distinción, en función dos bens xurídicos protexidos, que en síntese consiste na distinción entre aqueles órganos que atenden asuntos relativos á xurisdición penal (como os xulgados do penal, vixilancia penitenciaria, violencia sobre a muller ou os xulgados mixtos) dos que non os atenden; partindo, por tanto, da prestación dun maior número de servizos esenciais durante a folga indefinida naqueles órganos que garanten
bens xurídicos especialmente protexidos polo ordenamento xurídico e, esencialmente, bens personalísimos e primarios como, entre outros, a liberdade das persoas; o número de efectivos fixados nestes órganos é superior aos fixados naqueles outros órganos, que seguirán a pauta xeral.
Ademais, as diferenzas de dotacións existentes nos órganos xudiciais, en función das distintas ordes xurisdicionais, das necesidades destes e das funcións que atenden, ou da súa localización nas distintas localidades, entre outras razóns, xustifican que non exista unha uniformidade total na fixación do número de funcionarios que deben constituír os mencionados servizos mínimos.
Así mesmo, as distintas funcións que corresponden a cada corpo funcionarial, establecidas polos artigos 476 e seguintes da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, fan necesaria, na determinación dos efectivos que deben atender os servizos esenciais en cada órgano, a concorrencia de persoal funcionario dos distintos corpos, imprescindibles para garantir estes servizos esenciais. Neste sentido, o persoal funcionario do corpo de auxilio xudicial, polas súas funcións, non se considera preciso para garantir os servizos esenciais en determinados órganos, caso do Imelga ou xulgados de paz; ou ben esta Administración entende suficiente, case na totalidade dos restantes supostos, que a persoa funcionaria designada servizo mínimo sexa compartida por distintos xulgados ou seccións dos tribunais. Só naqueles supostos en que, ben por existir un único órgano por xurisdición ou na localidade ou polas materias que este atende, como violencia sobre a muller, se considera necesaria a fixación dun auxilio xudicial en cada órgano.
Hai que sinalar, así mesmo, que nos xulgados de primeira instancia e instrución se fai un tratamento individualizado, diferenciando aqueles partidos xudiciais con dous, tres ou catro xulgados, fixando dotacións mínimas para cada caso; establécese así que a persoa funcionaria de auxilio xudicial será compartida para todos os xulgados, sexan estes partidos de tres ou catro xulgados e mesmo compartido o auxilio xudicial do xulgado de garda, no suposto de partidos xudiciais con dous xulgados.
Por outra banda, e en prol da maior protección do dereito fundamental de folga, esta Administración, con respecto do persoal funcionario do corpo de xestión e tramitación, considerou que o servizo mínimo, naqueles órganos onde poderían atenderse os servizos esenciais coa presenza dunha única persoa funcionaria, que son a regra xeral, podería designarse tanto dun corpo como doutro; con carácter excepcional, establécese a necesidade dunha persoa funcionaria tanto do corpo de xestión como de tramitación, como sucede nos xulgados do penal, vixilancia penitenciaria ou violencia sobre a muller, por canto os
asuntos que atenden afectan os bens xurídicos máis protexidos polo ordenamento vixente, como pode ser a liberdade. Hai que sinalar, por último, ao respecto, que ben que nos rexistros civís exclusivos non se considerou necesaria na dotación o persoal funcionario de auxilio xudicial, si se considera precisa a designación de dous xestores/as ou tramitadores/as tanto para as funcións relacionadas con defuncións como para as restantes actuacións de
carácter urxente consideradas servizo esencial, polo volume dos servizos deste carácter que prestan os citados órganos.
En conclusión, por tanto, como regra xeral esta Administración, en prol da protección do dereito de folga, non fixou servizos mínimos naqueles órganos que non atenden servizos esenciais e, naqueles que si os atenden, estableceu as dotacións mínimas que os poidan garantir e, neste sentido, non se designa perosal funcionario do corpo de auxilio xudicial nalgúns órganos ou se comparten estes persoal por distintos órganos xudiciais e, con respecto do persoal funcionario do corpos de xestión ou tramitación establécese, como norma xeral, a suficiencia dunha persoa funcionaria dos citados corpos por órgano, de forma alternativa.

Aquí vos deixamos un enlace o decreto publicado no DOG:

 Decreto de servicios esenciais folga indefinida

Comparte en redes o resume con la IA

Comentarios cerrados.