RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2024 pola que se convocan os cursos de prevención de riscos laborais nivel básico para persoal empregado público, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, empresarios/as e aquelas persoas con inquedanzas no ámbito da prevención de riscos laborais.
De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso en materia de prevención de riscos laborais.
REQUISITOS DO PERSOAL PARTICIPANTE
Poderán participar nesta actividade formativa os/as empregados/as públicos/as, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, empresarios/as e aquelas persoas con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais.
SOLICITUDES E PRAZOS
1. O prazo de presentación de solicitudes será do 19 ao 29 de agosto de 2024.
2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.


















