DOG: CONVOCADAS PROBAS PARA OBTENCIÓN DOS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA CELGA 2, 3, e 4 NO ANO 2021

No DOG de hoxe, 13 de setembro, acaba de publicarse RESOLUCIÓN do 26 de agosto de 2021, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2, 3 e 4, no ano 2021.

A convocatoria vai dirixida ás persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras.

As probas dos distintos niveis Celga terán lugar nos meses de novembro e/ou decembro de 2021, sempre que a evolución da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 o permita. As datas concretas serán debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

O prazo de presentación das solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, será de quince días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

 

Los comentarios están cerrados.