No DOG de hoxe, 24 de febreiro de 2026, publicouse a RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2026 pola que se convocan actividades formativas do Marco galego de competencias dixitais Comdix para o persoal ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galicia, da Administración de xustiza de Galicia, das entidades locais galegas e o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (en diante, PTXAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG).
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 4 de marzo de 2026.
As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
O número máximo de actividades formativas que se poden solicitar limítase a tres máis o curso ComDix iniciación 0: empezamos
Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.
As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e deberán dispor dunha conta de correo electrónico cuxo enderezo terán que indicar na solicitude e dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:
– Un ordenador con conexión á internet.
– Un navegador web actualizado.
– O software correspondente a cada actividade e indicado no anexo II desta resolución.
As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (como por exemplo discapacidade ou permiso de maternidade), de acordo cos criterios de selección, poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.
A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria para a matrícula serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54, 981 54 62 53 e 981 54 63 35, en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas), e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>
As dúbidas relativas ao Marco galego de competencias dixitais e ao certificado galego de competencias dixitais poden consultarse en https://competenciasdixitais.xunta.gal/ e no correo electrónico competencias-dixitais@xunta.gal
Accede á resolución:



















