A Consellería de Presidencia achega 7 millóns de euros para iniciar no segundo semestre de 2009 a construción do novo edificio xudicial de Ourense

Xose Luis Mendez Romeu

Xose Luis Mendez Romeu

Fuente: Xunta de Galicia

  • Méndez Romeu anunciou que para o deseño do proxecto se convocará un concurso de ideas nos primeiros días de xaneiro cun premio de 10.000 euros para o gañador
  • O xulgado ourensán será “o primeiro edificio de Galicia” construído de acordo á nova Oficina Xudicial
  • O conselleiro tamén asinou un protocolo en Celanova para a cesión gratuíta á Xunta dun inmoble para a ampliación da sede xudicial do municipio

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, asinou esta mañá un protocolo de colaboración co alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez Fernández, para a construción dun novo edificio xudicial na cidade no segundo semestre do ano 2009. Para este fin o Concello cederá á Xunta unha parcela ubicada no AR 43-O “Remedios I” cunha superficie de 4.665 m². O investimento da Consellería previsto para o novo xulgado será de arredor de sete millóns de euros.

O conselleiro de Presidencia expresou a súa satisfacción coa sinatura deste acordo que, segundo declarou, “vén a resolver problemas de infraestrutura xudicial en Ourense” e posibilitar que a súa planta xudicial “poida medrar nos próximos anos de acordo co nivel de demandas que prantexa unha sociedade urbana, evolucionada e a progresiva especialización dos órganos xudiciais”. Ademais, cualificou á cidade de Ourense como “modélica” no cumprimento dos obxectivos xa que en “ningunha outra cidade” o seu departamento atopou resposta “con tanta rapidez” ás necesidades de infraestrutura.

Méndez Romeu tamén celebrou a disposición do rexedor ourensán para dotar esa nova área da cidade de “arquitectura de calidade e do noso tempo” que “enriqueza o patrimonio inmobiliario da cidade”. “Queremos que sexa un edificio non so funcional desde o punto de vista da Administración de Xustiza senón que sexa tamén un edificio fermoso arquitectonicamente”, comentou, “que faga algo que os edificios públicos teñen que ter sempre como un obxectivo: marcar niveis de calidade” e ser ”unha referencia á iniciativa privada na construción da cidade”.

Concurso de ideas
Neste sentido, anunciou que, como único xeito de conseguir isto, convocarase un concurso de ideas nos primeiros días de xaneiro no que poidan participar todos os arquitectos e onde un xurado mixto, de representantes das institucións e de arquitectos -co auxilio do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia- “poida elixir o mellor proxecto”. O concurso, segundo dixo o titular de Presidencia, ofrecerá un primeiro premio de arredor de 10.000 euros e a redacción de proxecto definitivo, e un segundo premio de varios accésits, “de acordo con outros concursos semellantes”.

O concurso, proseguiu Méndez Romeu, permitirá adxudicar o traballo definitivo antes do verán e iniciar no segundo semestre do ano as obras, que deberían ter unha duración estimada de 18 meses. No novo edificio, preténdese concentrar todas as unidades xudiciais de Ourense “agás a Audiencia provincial e, probablemente, o Rexistro Civil que está a piques de estrear unha nova sede moito máis funcional”. Ademais, o obxecto e dotar aos xulgados coa máis moderna tecnoloxía, como sistemas de videoconferencia ou sistemas modernos de procesamento de datos, entre outros.

O conselleiro de Presidencia comentou que o novo edificio xudicial de Ourense respostará “xa” ao proxecto que o Goberno de España está ultimando para a posta en marcha da nova Oficina Xudicial sendo “o primeiro edificio de Galicia” construído de acordo a esta nova estrutura de xulgados en España. De todos xeitos matizou que non será ata a vindeira semana cando se tomarán “solucións definitivas en Madrid”.

Respecto a outros investimentos en Ourense, o conselleiro subliñou que o seu departamento está investindo 450.000 euros nos edificios da Audiencia e da antiga cámara do Comercio para “mellorar a funcionalidade destes espazos, as condicións de atención ao público e de traballo dos profesionais” e así “deixar solucionada a situación da infraestrutura”.

O conselleiro tamén se referiu as demandas da Xustiza en Ourense, das que se declarou coñecedor, polo que expresou a súa intención de anticiparse á demanda dos próximos anos coa intención de dotar á cidade dunha infraestrutura xudicial “que permita que durante tres ou catro lustros as necesidades dos xulgados estean previstas”, desde o punto de vista da infraestrutura, “para poder ter unha xustiza de calidade”.

Xulgado de Violencia de Xénero

En resposta ás preguntas dos xornalistas relativas á creación dun xulgado especializado en Violencia de Xénero en Ourense, o conselleiro lembrou que a súa consellería ten prantexado a necesidade de que “a lo menos en cada unha das cidades galegas exista uns xulgados” deste tipo. Segundo Romeu a intención é “avanzar nesta liña” pero con xulgados de carácter comarcal que ofrecerían unha resposta moito máis eficaz que os provinciais.

O radio normal para os traslados dos cidadáns aos xulgados, proseguiu o conselleiro, “non debe superar os 30 quilómetros” polo que a idea é que a comarcalización “cubra as necesidades de dous ou tres partidos xudiciais próximos entre si”. De todos xeitos lembrou que no momento actual non hai unha decisión final sobre cando pode entrar en vigor o xulgado de violencia de xénero en Ourense pero que se atopará “en conversacións continuas co Ministerio ata que este obxectivo sexa unha realidade”.

Por último, comentou que os xulgados de violencia de xénero son unha aportación do Goberno actual de España e que esixen unha modificación legal a partir da cal poder dar resposta a este tipo de delitos. Así, dixo que o Goberno comezou a creación deste tipo de xulgados “hai agora 8 anos”, que en Galicia tense creado xudicialmente dous e que agora proponse a creación de dous máis, de acordo cos índices de estatística xudicial.

Protocolo en Celanova
A continuación, o conselleiro dirixiuse a Celanova, onde asinou un protocolo de colaboración co alcalde do municipio, Antonio Mouriño Villar, que ten por obxecto a cesión gratuíta á Xunta da planta baixa dun inmoble na rúa Cervantes para a ampliación da sede xudicial do municipio e a súa adecuación á normativa en materia de eliminación de barreiras arquitectónicas. Ademais, o departamento que dirixe Méndez Romeu comprométese a colaborar financeiramente co Concello para executar a terceira fase do edificio multiusos municipal.

O mandatario autonómico indicou que, no momento actual, a Consellería de Presidencia está inmersa nun plano de mellora de infraestructura de todos os partidos xudiciais na provincia de Ourense e que en Celanova, onde existía unha limitación debido ao carácter monumental das edificacións, atopouse unha “solución perfecta” para as administracións e para os cidadáns.

Ademais, agradeceu o “fácil diálogo” co goberno municipal, e destacou que as administracións están “fundamentalmente” para cooperar na resolución dos problemas aos que se enfrontan os cidadáns “máis aló de calquera de calquera tipo de diferenza”. Por último, destacou o “peso específico” do municipio, que definiu como unha poboación “importante”, “representativa” e “ben coñecida no conxunto de Galicia”.

Deja un comentario