PROPOSTA DE MODIFICACIÓN DA REGULACIÓN DAS SUBSTITUCIÓNS, a solicitude de SPJ-USO.

A Dirección xeral de Xustiza acaba de remitirnos unha proposta de modificación na regulamentacion das substitucions conforme á solicitudes de SPJ-USO

Aquí vos deixamos a modificación que eliminaría o requisito de permanencia de 6 meses no posto de traballo no caso de cese involuntario:

Bó día,

Remitimos proposta de modificación da Resolución do 7 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regulan as substitucións entre funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en Galicia. Esta proposta cínguese a eliminar o requisito de permanecer 6 meses no posto de traballo de orixe unha vez se cese na substitución. Deste xeito, só se penalizaría a aquelas persoas que por vontade propia renuncien ao posto, e non, aos que cesen por motivos alleos á súa vontade.

A literalidade do artigo a modificar sería:

Cuarto.-Requisitos dos aspirantes.

  1. Poderán solicitar as substitucións, con exención de funcións nos seus postos, os funcionarios de carreira dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza con destino en órganos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que estean en situación de activo, prestando efectivamente servizos en xulgados, tribunais, fiscalías ou outros órganos da Administración de xustiza, e leven un mínimo de seis meses continuados no posto de traballo desde o cal participan na convocatoria, ben sexa con carácter definitivo, ben provisional.
  2. No caso das substitucións verticais, para ser nomeado substituto no corpo inmediatamente superior será preciso estar en situación de servizo activo nun posto de traballo dalgún dos centros de destino a que se refire o anterior parágrafo e estar en posesión da titulación académica exixida para acceder ao posto superior que é obxecto de substitución.
  3. No caso de persoas que cesen nunha substitución por incorporación do/da titular ou remate da causa que a motivou, non será exixible que leven un mínimo de seis meses continuados no posto de traballo desde o cal participan na convocatoria.”

Dado que se trata dunha pequena modificación, pregamos celeridade á hora de avaliar a proposta formulada. Así, podedes achegar o voso parecer como tarde, ao longo do próximo luns día 31 de xaneiro.

Se non manifestades opinión ao respecto no prazo establecido, entenderemos que existe conformidade coa proposta.

Los comentarios están cerrados.