A Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, estableceu no seu artigo 11.dous que as retribucións do persoal ao servizo do sector público autonómico definido no artigo 11.un non poderían experimentar un incremento nas retribucións superior ao 2 por cento con respecto ás vixentes en 31 de decembro de 2021.
A situación económica xerada pola invasión de Ucraína por parte de Rusia e pola crise enerxética derivada motivou un aumento do custo da vida polo impacto da inflación, sendo necesario paliar os seus efectos no poder adquisitivo das empregadas e dos empregados do sector público neste mesmo exercicio orzamentario.
Neste escenario, a Administración xeral do Estado aprobou unha suba adicional do 1,5 por cento das retribucións do persoal ao servizo do sector público para compensar os efectos da inflación. Así, para o ano 2022 o Real decreto lei 18/2022, do 18 de outubro, polo que se aproban medidas de reforzo da protección dos consumidores de enerxía e de contribución á redución do consumo de gas natural en aplicación do «Plan + seguridade para a túa enerxía (+SE)», así como as medidas en materia de retribucións do persoal ao servizo do sector público e de protección das persoas traballadoras agrarias eventuais afectadas pola seca, no seu artigo 23 aprobou, con efectos do 1 de xaneiro do 2022, un incremento adicional do 1,5 por cento respecto ás retribucións vixentes en 31 de decembro de 2021.
A citada normativa ten carácter básico, de xeito que o incremento salarial das empregadas e dos empregados do sector público autonómico será dun máximo do 3,5 por cento con carácter consolidable, con efectos dende o 1 de xaneiro de 2022, aboándose como atrasos o incremento correspondente aos meses xa transcorridos deste ano.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei pola que se aproba unha retribución de carácter extraordinario para os empregados do sector público autonómico de Galicia, en aplicación do previsto no Real decreto lei 18/2022, do 18 de outubro.
COMO VOS VEN INFORMANDO SPJ-USO NAS ÚLTIMAS SEMANAS, EN CONTRA DE OUTRAS INFORMACIÓNS, ESTA SUBA DO 1,5% REFLECTIRASE NA NÓMINAS DO MES DE NOVEMBRO.
PARA AMPLIAR INFORMACIÓN ACCEDE O DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221123/AnuncioC3B0-221122-0001_gl.html