DOG: Concesión de axudas para a conciliación da vida familiar e laboral por redución da xornada de traballo

No DOG de hoxe, 8 de agosto, vense de publicar a  orde do 2 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a conciliación da vida familiar e laboral por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI440A):

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria das axudas á conciliación da vida familiar e laboral do ano 2024 coa finalidade de fomentar a asunción, especialmente por parte dos homes, dos dereitos asociados coa corresponsabilidade e coidados. Serán subvencionables as situacións de redución de xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas, no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, ambos os dous incluídos, das persoas sinaladas como beneficiarias no artigo 5 desta orde.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as persoas físicas que no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, ambos os dous incluídos, se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres (3) anos, ou menor de doce (12) anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %, e que reúnan os requisitos que establece o artigo 5

Accións subvencionables

A redución da xornada de traballo para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de tres (3) anos ou menor de doce (12) anos no suposto de que teña recoñecida unha discapacidade de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.

Inclúese tamén a modalidade de redución de xornada por coidado dunha filla ou fillo afectada/o por cancro ou por calquera enfermidade grave que non reciba a prestación económica regulada no Real decreto 1148/2011, do 29 de xullo, para a aplicación e desenvolvemento, no sistema da Seguridade Social, da prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave. Non será subvencionable a redución de xornada que se acolla ao disposto no artigo 106.1.b) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego publico de Galicia.

A redución de xornada terá que ser de, polo menos, o 12,5 % da xornada.

Así mesmo, poderán acollerse a esta axuda as persoas traballadoras que, cumprindo os requisitos establecidos neste artigo, adopten unha persoa menor ou a teñan en situación de acollemento familiar, en calquera das súas modalidades. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido tres (3) anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción, ou doce (12) anos se o/a menor ten recoñecida unha discapacidade de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. En calquera caso, a filla ou fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de doce (12) anos.

O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de oito (8) meses comprendidos entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, ambos os dous incluídos.

Serán acumulables todos os períodos traballados con redución de xornada nos cales se cumpran os requisitos entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, ambos os dous incluídos, co límite máximo de oito (8) meses.

Presentación de solicitudes e prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Podedes acceder o texto íntegro da orde picando nexte link

 

Comparte en redes o resume con la IA

Comentarios cerrados.