O secretario xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Santiago Roura Gómez, subliñou o pulo da Xunta para eliminar os obstáculos “que puideran impedir ou dificultar a plenitude dos dereitos dos galegofalantes diante da Administración de xustiza”. Na Comisión 1ª do Parlamento, indicou que as accións dos poderes públicos céntranse “na consecución do dereito á libre opción lingüística”, se ben recoñeceu que a xustiza é un dos eidos en que, por razóns estructurais, o proceso de normalización lingüística está “menos desenvolto”.
Neste sentido, Santiago Roura fixo referencia a tres liñas de actuación levadas a cabo pola Xunta co obxectivo de eliminar eses obstáculos. A primeira delas consiste no pulo ás accións formativas en materia de lingua galega e de linguaxe xurídica en particular, nas que indicou que cada día hai máis alumnos que son xuíces, fiscais e secretarios xudiciais: “Nas últimas convocatorias, nas accións formativas de lingua e dereitos propios de Galicia o número de funcionarios de corpos sobre os que a Administración autonómica carece de competencias é maior, e iso prepara un terreo para que a medio prazo se facilite extraordinariamente esta normalización”.
A segunda das liñas explicadas polo secretario xeral consiste na programación da edición de textos legais en lingua galega xa que, segundo lembrou, nos tribunais e xulgados de Galicia traballase, entre outras, con normativa estatal e da Unión Europea. O nivel de traducción deses textos ao galego era “tardío ou escaso”, dixo, pero gracias á colaboración da Consellería de Presidencia coa Dirección Xeral do Boletín Oficial do Estado se está a producir unha “inxente cantidade de volumes de normas estatais” en lingua galega. Así, destacou que o último texto editado é o Estatuto dos Traballadores e que inmediatamente se levará a cabo a publicación dos Códigos civil e Penal e das leis de axuizamento civil e criminal, “que forman o corpus xurídico fundamental de utilización máis común nos xulgados e tribunais do país”.
Roura afirmou que está iniciativa supón unha acción “de tremendísima trascendencia”, xa que permite que a lingua do país penetre non nos usuarios que utilizan a lingua galega de xeito habitual, senón en persoas que non teñen a lingua galega como lingua vehicular normal de relación e que enfrontados a un problema de incomodidade podían ver diminuída a súa intención de acometer un proceso en lingua galega. “A acción de goberno formativa e de posta a disposición de todas as ferramentas, neste caso a traducción de textos legais españois, facilita esa acción e comportará a medio prazo resultados de mellora evidentes”, asegurou.
Novas tecnoloxías
A terceira das liñas ás que se referiu o secretario xeral da Consellería de Presidencia foi á que ten que ver coas novas tecnoloxías de información e comunicación (TIC), xa que segundo dixo “o pulo das novas tecnoloxías é unha das accións fundamentais que está a desenvolver a Consellería nesta lexislatura”, e considerou que a situación neste eido no ámbito da xustiza cando mudou o Goberno “distaba moito de ser a mellor”. O labor de traducción de textos era entón “excesivamente artesanal”, explicou, mentres que na actualidade cóntase cunha ferramenta de xestión “áxil e xa en moitos casos que permite completamente a opción lingüística”.
Roura Gómez lembrou que foi en outono de 2007 cando se implantou no rexistro civil con carácter exclusivo da Coruña a plataforma INFOREG 4 que permite xa facer asentos na lingua galega e posúe as táboas das súas bases de datos nos dous idiomas, español e galego. Dende entón esta plataforma foi implantada tamén nos 45 rexistros civís principais de Galicia -aqueles que son responsabilidade de xulgados de 1ª instancia ou de xulgados de 1ª instancia e instrucción-, e dos 270 rexistros civís secundarios –que dependen de xulgados de paz- en 55 deles xa está implantado tamén. “O proceso está en marcha para completalo a medio prazo en todos os rexistros civís de Galicia”, afirmou.
Polo que se refire ao proceso de implantación de Minerva Web –a aplicación que vén substituír ao sistema Libra-, indicou que “moito máis cedo que tarde vai ser a ferramenta universal nos xulgados de Galicia”, e que no momento actual están executados os formularios en lingua galega en materia civil do proceso monitorio, do ordinario e do xuízo verbal de desafiuzamento, e explicou que “o monitorio é practicamente o 30% dos procesos civís, co que neste momento o 50% dos procesos civís pódense tramitar en lingua galega”.
O secretario xeral adiantou a planificación que se vai desenvolver nos próximos meses, ata final de ano:
Na segunda quincena de setembro farase o traballo relativo aos xuízos de faltas no eido penal e aos procesos de despedimento no ámbito social.
Na primeira quincena de outubro farase o traballo para que sexa posible tramitar en lingua galega as dilixencias urxentes por delicto no ámbito penal e os xuízos rápidos penais. Na segunda quincena estará rematado o traballo no resto dos procesos da orde social.
Na primeira quincena de novembro todos os procesos de contencioso administrativo tramitados polos xulgados desa orde xurisdiccional poderán tramitarse en galego, e na segunda quincena poderanse tamén os procesos de familia do ámbito civil.
Por último, en decembro estarán feitos os traballos da segunda instancia civil e as dilixencias previas no eido da instrucción penal.
Santiago Roura indicou que isto “supón un esforzo considerable de adaptación das ferramentas” pero que é necesario que as ferramentas tecnolóxicas “vaian da man do proceso de galeguización da xustiza”. “Nese labor vainos encontrar sempre, con todas as medidas que fixeren falta para facer que o libre dereito á escolla sexa unha realidade no país”, asegurou.