Mariñán (A Coruña), 15 de xullo de 2009.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, tomou parte hoxe na Escola de Verán do Poder Xudicial na mesa redonda Modificacións organizativas e tecnolóxicas precisas para unha Administración de Xustiza máis eficaz: unha visión desde a Comunidade Autónoma, onde subliñou que a Xunta porá todos os medios ao seu alcance para favorecer o cambio organizativo na Administración de Xustiza que traerá consigo a nova oficina xudicial.
Na mesa redonda, na que tamén participaron representantes da Administración de Xustiza de Andalucía, Canarias, Cantabria, Cataluña, Madrid, País Vasco e Valencia, o responsable galego destacou o “máximo interese e identificación” da Xunta cos criterios que definirán a nova oficina xudicial, entre os que citou a eficacia, a eficiencia e a racionalización do traballo. Nese sentido, lembrou que son criterios polos que o Goberno galego aposta no seu propio ámbito organizativo e que non poden quedar fóra da administración instrumental da xustiza en Galicia.
Precisamente, Alfonso Rueda tamén aproveitou o debate para facer incidencia na especial complexidade do caso galego, xa que Galicia é a terceira comunidade con máis partidos xudiciais. Esa atomización xudicial do territorio dificulta a implantación de servizos comúns da nova oficina xudicial en partidos con poucos xulgados (hai 13 cun só órgano) e supón un maior custe na prestación do servizo público da xustiza.
O titular de Presidencia galego expuxo ademais as liñas básicas do plan de implantación da nova oficina xudicial en Galicia, do que dixo que debe ser un proceso flexible, gradual e adaptado ao territorio. Nese sentido, incidiu unha vez máis á deficiente ordenación territorial dos órganos xudiciais coa actual demarcación e insistiu en que o Executivo galego colaborará activamente no grupo de traballo constituído polo Ministerio de Xustiza sobre a reforma da Lei de Demarcación e Planta.
Finalmente, tamén fixo referencia ao plan de medidas urxentes en materia de Tecnoloxías da Información e da Comunicación, que será aprobado nos vindeiros días e que recolle actuacións concretas por unha xustiza dixitalizada, xa que a tecnoloxía debe ser unha aliada fundamental para resolver os problemas da xustiza.