O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, anunciou hoxe no Parlamento que a Xunta dedicará máis de 17 millóns de euros á mellora da productividade nas oficinas xudiciais e da calidade do servizo, ademais de realizar un esforzo para manter o incremento do cadro de persoal funcionario en 250 postos: máis do 10 por cento do cadro de persoal, que acada na actualidade os 2.421 postos de traballo.
Na súa comparecencia no Pleno da Cámara galega para avanzar as liñas estratéxicas do seu departamento para esta lexislatura, Alfonso Rueda, tamén avanzou en materia xudicial o plan da consellería para informatizar a xustiza de paz, dándolle un auténtico soporte informático para desenvolver o seu ámbito xurisdiccional e a xestión do Rexistro Civil. Nese sentido, apuntou que este mesmo verán quedarán informatizados 74 xulgados de paz e, nunha segunda fase que rematará a mediados de 2010, os restantes 196 xulgados de paz de toda Galicia.
En canto ás infraestructuras xudiciais, o conselleiro referiuse ás actuacións programadas na cidade de A Coruña, Santiago e Ferrol, que contan cun custo estimado de 9 millóns de euros. Así mesmo, tamén analizou as necesidades de Lugo e Ourense e reiterou a disposición da consellería a executar novas infraestructuras en A Coruña, Pontevedra e Vigo en canto os concellos poñan os terreos necesarios a disposición da Xunta, tal e como se tiñan comprometido. Igualmente, explicou que se proxectan novos edificios en Tui, Ponteareas, Muros e Celanova.
Ademais, e ante o constante aumento da litixiosidade, Rueda apostou por potenciar os mecanismos intraxudiciais e extraxudiciais de resolución de conflictos, xa que son mecanismos que permiten un aforro dos custos do litixio e unha maior rapidez e eficacia na resolución dos problemas.
En todo momento, o titular de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza apostou por traballar de xeito coordinado co Ministerio de Justicia, especialmente no que atinxe ás novas tecnoloxías e á xustiza gratuíta. Precisamente, Rueda explicou que xa ten solicitada un encontro co ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, para abordar cuestións como a demarcación xudicial, o despregamento da nova oficina xudicial ou a implantación plena das tecnoloxías da información e a comunicación.