REXISTRO CIVIL: CIRCULAR DO MINISTERIO ONDE SE DISPOÑEN OS CRITERIOS DAS ACTUACIÓNS URXENTES FORA DO HORARIO DE OFICINA

O Ministerio de Xustiza ven a publicar a circular 5/2022 onde se dispoñen as pautas a seguir polos Xulgados, nos Partidos Xudiciais onde está en marcha o modelo de Rexistro Civil da Lei 20/2011 de 21 de Xullo, para dar resposta ás actuacións urxentes e inaprazábeis en materia de Rexistro Civil, fora do horario das oficinas.

Desde a entrada en vigor da Lei 20/2011, do 21 de xullo o pasado 30 de abril de 2021 a implantación do novo modelo de Rexistro Civil está a levarse a cabo de forma graduada, polo que temos que convivir con dúas leis, ( Lei de 1957 e a nova Lei do 2021) e con dous sistemas informáticos ( INFOREG – DICIREG), ademais dos libros manuscritos daqueles xulgados nos que non están dixitalizados.

Aínda que a Lei 20/2011, do 21 de xullo entrou completamente en vigor o 30 de abril de 2021, non se aplicará en cada unha das Oficinas ata que conten cos medios e sistemas informáticos e as condicións de funcionamento adecuadas.

Polo de agora, segundo informa a Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fé Pública, a implantación do novo sistema fíxose nas Oficinas dos Rexistros Xerais de Madrid e Barcelona e espérase que proximamente, sen establecer datas concretas, implantarase nos seguintes Partidos Xudiciais: Murcia, Tarragona e Valladolid.

Así mesmo espérase que a formación para o novo sistema informático DICIREG se empece a impartir en Galicia: Coruña e Vigo, Canarias: Santa Cruz de Tenerife e Las Palmas de Gran Canaria, Andalucía: Sevilla e Málaga, País Vasco: Bilbao.

Neste camiño, a Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública foi emitindo unha serie de instrucións e circulares coas pautas e criterios a seguir xa que non dispoñemos dun Regulamento de Rexistro Civil no que se reflictan as distintas cuestións que xorden.

Nesta última, de data 3 de xuño de 2022, Circular 5/2022 danse instrucións aos Xulgados nos que xa se implantou o novo modelo, para atender ás actuacións que xurdan fora do horario de funcionamento das Oficinas do Rexistro Civil, por exemplo a expedición de licenzas de enterramento.

Dispón o seguinte: Serán os Letrados da Administración de Xustiza que presten servizo nos xulgados de Primeira Instancia e Instrución ou Xulgados de Instrución que estean de garda os que se encarguen das actuacións urxentes e inaprazables que se soliciten fora das horas e días de funcionamento das Oficinas do Rexistro Civil.

Los comentarios están cerrados.