RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se modifica a Resolución do 7 de maio de 2008 pola que se regulan as substitucións entre funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.
Por medio da Resolución do 7 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza (DOG núm. 93, do 15 de maio), regulouse a provisión de forma temporal mediante substitucións dos postos de traballo reservados ao persoal funcionario integrante dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza, sistema previsto no artigo 74.1 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do dito persoal. A través da referida resolución reguláronse, así mesmo, as atribucións de funcións entre os membros do corpo de auxilio xudicial da mesma localidade, previstas no artigo 39.2 do citado regulamento.
No tempo transcorrido desde a entrada en vigor da antedita resolución, diversas circunstancias fixeron necesaria a súa modificación. A derradeira destas modificacións, realizada mediante a Resolución do 2 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Xustiza (DOG núm. 113, do 11 de xuño), introducía como requisitos das persoas solicitantes a exixencia dun tempo mínimo de desempeño de seis meses continuados no posto de traballo desde o cal se participa na convocatoria, ben sexa de carácter definitivo, ben provisional.
Esta circunstancia, que non discriminaba entre os motivos do cesamento nas anteditas substitucións, orixinou problemas operativos nas unidades xudiciais, sobre todo no caso das substitucións na mesma unidade.
En consecuencia, faise preciso modificar a Resolución do 7 de maio de 2008 co obxecto de limitar a exixencia deste requisito naqueles supostos en que o cesamento da persoa que realiza a substitución ten lugar por incorporación do/da titular ou remate da causa que a motivou.