O volume de causas de violencia de xénero que ingresaron no xulgado competente nesta materia en Ourense diminuíu en comparación co ano anterior

logodxxxxFonte: Páxina web da Xunta.

En relación coas informacións aparecidas nos últimos días sobre a situación no Xulgado de Instrución número 3 de Ourense –unidade que entre as súas competencias ten atribuídas as de violencia de xénero-, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza informa de que, se ben é certo que aumentou o número de causas que teñen pendentes, o volume de causas en materia de violencia de xénero ingresadas a data 30 de setembro de 2008 disminuíu en relación coas ingresadas nas mesmas datas o ano anterior.

Así, se comparamos as estatísticas en materia de violencia de xénero publicadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) respecto deste órgano, no período entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2007 ingresaron nel 30 dilixencias urxentes e 343 dilixencias previas; mentres que no mesmo período deste ano ingresaron 7 dilixencias urxentes e 355 dilixencias previas (estes son os dous procedementos que se toman como criterio para medir o volume de entrada dun xulgado).

Doutra banda, na área integrada polos partidos xudiciais de Santiago de Compostela, Negreira, Padrón e Ordes, os asuntos ingresados en materia de violencia de xénero no que vai de ano mantense en termos similares ao ano 2007.

O ingreso de asuntos en materia de violencia de xénero no partido xudicial de Ourense a data 30 de setembro de 2008 supón o 15,33% do módulo establecido polo CXPX, mentres que na indicada área de Santiago-Negreira-Padrón-Ordes a entrada supón o 16,52% do devandito módulo, segundo os datos publicados pola Sección de Estatística do CXPX relativos aos tres primeiros trimestres deste ano.

En calquera caso, en xullo deste ano a Dirección Xeral de Xustiza solicitou ante o Ministerio de Xustiza a dotación de xulgados de violencia sobre a muller nas cidades de Pontevedra, Santiago, Lugo e Ourense, de maneira que a creación destas unidades sexa paulatinamente unha realidade.

Deja un comentario