Méndez Romeu confía en que o libro branco da Xustiza que está a elaborar a Xunta estea rematado en aproximadamente nove meses

Fonte: Páxina Web da Xunta

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, afirmou hoxe que os traballos de elaboración do Libro Branco da Xustiza que está a preparar a Xunta iniciaranse a mediados deste mes, polo que confiou en que nun prazo de oito ou nove meses estará elaborado. O conselleiro, que participou esta mañá nunha xuntanza da Comisión Mixta coa Fiscalía Superior de Xustiza de Galicia, sinalou que o obxectivo deste texto é ser un documento de análise sobre as necesidades que ten a Administración de Xustiza e de recomendacións sobre as medidas que se deben tomar a medio prazo neste eido.

Neste sentido, asegurou que se trata dunha “iniciativa que terá un bo resultado” e apostou por que este Libro permita contar coa participación de todos os sectores implicados –Fiscalía, Maxistratura, Colexios de avogados e procuradores, secretarios xudiciais, funcionarios e expertos-, acadar suficiente consenso sobre as reformas necesarias e introducir no debate público os “grandes problemas da xustiza” que, segundo dixo, son “máis complexos” do que se adoita ver reflectido ás veces con motivo dalgunha incidencia especialmente rechamante.

No Libro Blanco da Xustiza trataranse os distintos aspectos do estado actual da Xustiza en Galicia –necesidades, demandas e expectativas-, incluíndo apartados sobre a súa estrutura –no que se refire á organización, oficina xudicial e demarcación e planta-, o seu persoal, os medios cos que conta –recursos económicos, tecnolóxicos e infraestruturas-, as tendencias innovadoras e a súa relación cos cidadáns.

Calidade certificada
O titular de Presidencia explicou que na reunión mantida esta mañá a Xunta escoitou as propostas efectuadas polos distintos responsables da Fiscalía en Galicia en relación coas necesidades de instalacións, persoal e dos medios informáticos para continuar o proceso de mellora no que está inmersa. Así, adiantou que a Fiscalía galega vai ser a primeira de España en ter un sistema de calidade homologado e certificado por unha axencia especializada, nun proceso que, segundo dixo, está “a piques de rematar” e que é “só un paso máis nun proceso de mellora sistemática” que se está a levar a cabo de común acordo co fiscal superior.

Méndez Romeu relatou que na xuntanza prantexáronse dous tipos de necesidades: as de persoal, que se solventan mediante un procedemento de reforzo das plantillas ata que se produce a ampliación das mesmas, e as que afectan ao funcionamento dalgunhas aplicacións informáticas, onde a Consellería vai realizar unha auditoría nalgúns puntos concretos de Galicia para tratar de detectar exactamente a natureza do problema e poñer os medios necesarios para que non se repita. Declarou que se ben hai lentitude no funcionamento dalgunhas aplicacións, non está claro se o problema é da aplicación, da rede ou do equipamento, polo que de forma inmediata unha empresa especializada fará unha auditoría para abordar as solucións que sexan necesarias.

Traslado de unidades xudiciais

Doutra banda, o conselleiro se referiu ao traslado dalgunhas das unidades xudiciais da Coruña ao edificio Proa, en Matogrande, ao respecto do cal sinalou que con el se vai dar solución á necesidade de dotar de suficientes medios loxísticos á Fiscalía desta cidade. “Imos liberar aproximadamente 2.000 m2 dos edificios xudiciais actuais, e polo tanto vai ser posible que os xulgados que alí queden e a Fiscalía estean en condicións axeitadas durante varios anos, ata que entre en funcionamento o edificio proxectado nos peiraos coruñeses”, afirmou.

Preguntado polos xornalistas acerca de que unidades se van trasladar, indicou que iso está sometido a consultas cos afectados: “Sabemos que ninguén está disposto a aceptar o pequeno custo de traslado durante o tempo de construción na nova sede xudicial, e estamos mantendo conversas cos xuíces, cos colectivos de funcionarios afectados e coa representación sindical tentando harmonizar puntos de vista”. Lembrou que a decisión final será da Administración, que ponderará todos os factores e se baseará en criterios “racionais e non persoais”.

Méndez Romeu asegurou que as unidades que se trasladen estarán durante tres anos “no mellor edificio de oficinas que hai na Coruña” -alugado mediante concurso público- e en condicións “infinitamente mellores” que as que teñen no momento actual na rúa Monforte. Así mesmo, lembrou que o Concello está a construír a carón destas novas instalacións un aparcamento público que tamén axudará a solventar os problemas que prantexa o traslado. “A ninguén lle agrada unha proposta deste tipo pero estamos buscando a mellor solución posible, por certo a un custe moi importante, para garantir que tanto na sede actual como na futura sede o servizo público da Administración de Xustiza se imparta nas mellores condicións posibles de traballo para os profesionais e tamén para os cidadáns”, declarou.

Sede da Fiscalía

Sobre a sede da Fiscalía, o conselleiro explicou que vai permanecer nas instalacións actuais ata que se poida contar cun “edificio representativo”. Así, indicou que se teñen feito xestións coa Fiscalía Xeral do Estado e co Ministerio de Economía e Facenda para solicitar a transferencia da actual Comandancia Militar da Mariña, edificio que aínda non está desafectado do uso militar pero que conta cunha situación “magnífica” preto da sede do Tribunal Superior e que ten características de visibilidade e de superficie “adaptadas á función do que vai ser a Fiscalía Superior”, segundo o titular de Presidencia.

Unidades xudiciais

Por último, preguntado sobre a demanda do Partido Popular de novas unidades xudiciais, Méndez Romeu manifestou o seu “respecto” á demanda pero lembrou que sobre as necesidades xudiciais “hai opinións moi diversificadas”. Isto significa que mentres que algunhas estatísticas comparan España con outros países europeos e ofrecen unha ratio que levaría a multiplicar vertixinosamente o número de xuíces, outras voces prantexan que esa non é a única solución a un problema que ten que ver coa lentitude do procedemento -baseada na vixencia de normas que algunhas datan do século XIX- e que noutros casos ten que ver, por exemplo, coa organización da oficina xudicial.

“É un problema que ten distintas causas e por tanto necesitamos abordalas todas -asegurou-. Tentamos avanzar na creación de unidades xudiciais ao ritmo que o Ministerio prantexa, sabendo que normalmente imos ter o número de unidades que se corresponden co noso peso aproximadamente demográfico. Esa é a nosa limitación, e esa tendencia vai continuar”.

Los comentarios están cerrados.