A directora xeral de Xustiza, Begoña Santos Fernández, afirmou hoxe ante a Comisión 1ª do Parlamento que máis do 80% dos reforzos de persoal vixentes no eido xudicial foron aprobados nos dous últimos anos. Santos Fernández asegurou que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza está a realizar un “importante esforzo na dotación de persoal de reforzo e prolongacións de xornada”.
Deste xeito, en todos os xulgados do penal galegos aprobáronse, dende o pasado mes de agosto, medidas de apoio coa finalidade de responder á recente reforma penal en materia de circulación. Tan só neste período concedéronse 22 prolongacións de xornada nos xulgados do penal, repartidas da seguinte maneira: 7 para A Coruña, 6 para Ourense, 5 en Pontevedra, 3 para Vigo e unha para Lugo. A maiores, tamén se aprobaron funcionarios de reforzo para os penais número 2, 3 e 5 da Coruña.
Concesión de medidas de apoio
Doutra banda, a directora xeral lembrou que a concesión das medidas de apoio realízase no seo do grupo técnico da Comisión Mixta e en función das necesidades e peticións que formulan os órganos xudiciais. Segundo manifestou Santos Fernández, este grupo reúnese regularmente e, deste xeito, procédese á dotación de persoal de reforzo segundo ás peticións que se reciban e sexan conformes ao establecido na Orde do 4 de febreiro de 2004 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de Xustiza en Galicia.
De feito, a directora xeral dixo que esta Orde sinala a posibilidade de adoptar medidas de apoio aos órganos da Administración de Xustiza que soporten circunstancias “conxunturais de extraordinaria carga de traballo ou demora excepcional nos procedementos” ou ben mentres se tramita o proceso de aumento do cadro de persoal dun órgano, xustificado por causas estruturais. Non obstante, Santos Fernández fixo fincapé na necesidade de que estas medidas de reforzo sexan solicitadas polos órganos xudiciais para que lles sexan concedidas.
Compromiso do Goberno
Doutra banda, a directora xeral subliñou o compromiso do actual Goberno galego coa Xustiza. Neste sentido, indicou que proba diso é o número de unidades xudiciais creadas dende o ano 2005 que, contando coas aprobadas polo Goberno para o 2009, fan un total de 42, fronte as 18 creadas no período 2001-2004.
Así mesmo, Santos Fernández explicou que a actual Xunta de Galicia incrementou o orzamento para xustiza nos últimos 4 anos nun 37% de media en comparación co último orzamento do goberno do Partido Popular. “Galicia conta con un Goberno que aposta por facer da Xustiza un servizo de calidade para os cidadáns”, concluíu.