-
O presidente da Xunta mantivo hoxe unha xuntanza co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
-
Ofrece unha liña aberta de colaboración entre ambas as dúas administracións e aposta por manter unha coordinación completa
Fonte: Xunta de Galicia
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo comprometeuse hoxe a realizar un Plan de medidas urxentes de tecnoloxía da información en materia de Xustiza que permita alixeirar os procesos xudiciais na nosa comunidade. Así o avanzou hoxe logo de manter unha xuntanza co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas Sobreira, no seu despacho do Parlamento.
Na reunión, que transcorreu nun ambiente de absoluta cordialidade, o titular do Goberno galego ofreceu unha “liña aberta” de colaboración entre a Administración galega e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, principal punto de partida para avaliar a situación da administración de Xustiza na nosa comunidade e establecer liñas de actuación para facer fronte ás súas principais carencias.
Deste xeito, o máximo mandatario galego fixo especial fincapé en que esta estreita cooperación entre ambas as dúas institucións estea encamiñada, primordialmente, a abordar as necesidades da Xustiza en Galicia tendo en conta a actual situación de crise pola que atravesa o noso país.
O obxectivo, segundo lle trasladou o xefe do Executivo galego ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas Sobreira, é acadar unha coordinación “completa” entre a Xunta e o máximo órgano da Xustiza en Galicia, para o que lle presentou unha oferta de “acordo” entre as dúas administracións.