Dúas novas unidades xudiciais para o ano 2010

Fonte: Xunta de Galicia

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza celebra que o Ministerio de Xustiza decidise atender as peticións galegas e aumentar o número de novas unidades xudiciais que se crearán na Comunidade Autónoma no vindeiro ano 2010.

Na última conferencia sectorial de xustiza celebrada en Madrid, o Goberno central outorgou a Galicia nove unidades xudiciais de nova creación para o ano que vén e dúas prazas da nova figura dos chamados xuíces volantes. O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, fixo constar entón que se algunha Comunidade Autónoma renunciaba a algunha das prazas que lle correspondían, Galicia estaba disposta a asumilas, xa que a Comisión Mixta entre a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia consideraba que as novas unidades xudiciais previstas eran innecesarias para cubrir as necesidades galegas.

Por todo isto, a Xunta valora o anuncio efectuado hoxe en Vigo polo ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, de que Galicia contará con dúas unidades xudiciais a maiores das previstas. Ao tempo, o Goberno galego lamenta as formas deste anuncio, xa que enterouse polos medios de comunicación e non recibiu ningunha información oficial ao respecto.

En canto reciba a comunicación oficial, a Consellería de Presidencia ten previsto convocar, xa a comezos do ano que vén, á Comisión Mixta entre a Xunta e o TSXG, xa que é o órgano encargado de facer a proposta sobre onde deben situarse as novas unidades xudiciais, seguindo criterios obxectivos relacionados coa carga de traballo das actuais xulgados e maxistrados.

A proposta de asignación da Comisión Mixta na súa última reunión, para as nove unidades xudiciais comprometidas ata entón, era dun Xulgado de Vixilancia Penitenciaria con sé en Lugo; dúas prazas de maxistrado do Contencioso-Administrativo no TSXG; un Xulgado de Instrucción na Coruña; un Xulgado Mixto en Betanzos; un Social en Santiago; outro Social en Ourense; e un Penal en Pontevedra. Para a última das unidades, a Comisión Mixta propuxo ou ben un Xulgado de Primeira Instancia en Vigo ou ben un maxistrado para a sección sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, tamén con sé en Vigo e con competencia civil.

Los comentarios están cerrados.