Constitución da comisión que redactará o Libro Branco da Xustiza en Galicia

Fonte: Páxina WEB da Xunta

Baixo a presidencia do Presidente da Xunta, púxose en marcha a Comisión que redactará o Libro Branco da Xustiza en Galicia. No acto polo Presidente remarcouse que “Como presidente teño a ambición política de dotar a Galicia das máximas competencias posibles no marco constitucional en materia de xustiza, de asumir competencias plenas en materia de planta e demarcación xudicial, na organización das nosas oficinas xudiciais, na dotación daqueles medios complementarios, na implantación do Consello Xudicial de Galicia e na normalización do uso do galego nos nosos xulgados e tribunais”. Así o asegurou hoxe o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, no acto de constitución da Comisión Redactora do Libro Branco da Xustiza en Galicia, na que participan representantes de todos os ámbitos nesta materia.

Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico empeñou todo o seu esforzo, o do Goberno galego e o da Consellería responsable “na defensa da cidadanía, dos nosos dereitos e das nosas liberdades”, ofrecendo ademais toda a colaboración do Executivo que preside para “acadar o consenso” na elaboración do Libro Branco, que faga da xustiza o fiel reflexo dos seus símbolos: “a balanza e a imparcialidade á hora do enxuizamento”, aseverou.

Emilio Pérez Touriño insistiu en que o Libro Branco da Xustiza en Galicia non debe ser unha mera declaración de principios, senón que debe sentar as bases para a súa modernización, mediante un elenco de recomendacións dirixidas a súa mellora”. A este respecto, o titular da Xunta adiantou que partindo dunha análise do estado actual e dos principios inspiradores que a deben rexer se conseguirá precisar as necesidades e medidas que se deben adoptar nos próximos anos para que a modernización e transformación da xustiza sexan unha realidade.

Pérez Touriño remarcou o compromiso da Xunta con esta tarefa e lembrou que o Goberno galego impulsa este proxecto e serve como garante da implementación das accións de mellora que se recollan nas conclusións do Libro Branco que hoxe inicia a súa redacción. “Trátase de analizar as eivas, denunciar as carencias pero, alén diso, propor as liñas de mellora que permitan definitivamente articular unha Administración de Xustiza como servizo público de calidade”, engadiu.

Atender aos colectivos máis necesitados
O presidente da Xunta remarcou, así mesmo, o seu compromiso coa protección xudicial aos sectores sociais máis desfavorecidos. “Non debemos e non queremos esquecernos desa outra cara protagonista, que é a de miles e miles de cidadáns que acoden cada día ante os tribunais en lexítima demanda dos seus intereses”, aseverou, incidindo na necesidade de prestar unha especial atención ás vítimas da violencia de xénero, “con quen debemos comprometernos cada día máis, en voz alta e clara”; e aos menores, “cuxa protección e defensa –engadiu-, é unha das máis altas tarefas encomendadas aos poderes públicos”. “Quero, en definitiva, reivindicar o traballo en favor de tantos cidadáns anónimos para garantirlle a mellor defensa posible con independencia de cales sexan os seus recursos económicos”, concluíu Pérez Touriño ao respecto.

Implicación de todos os axentes
O presidente galego lembrou, ademais, que a verdadeira xustiza “só se acadará coa implicación de todos os profesionais e daqueles que son cooperadores necesarios na tarefa de protexer os dereitos dos cidadáns” e por iso lle agradeceu aos participantes na comisión do Libro Branco, na que están presentes representantes de xuíces e maxistrados, fiscais, secretarios xudiciais, funcionarios, avogados, procuradores e todas aquelas institucións que cooperan coa administración de xustiza o seu “grado de implicación nunha das tarefas máis nobres que pode acometer unha sociedade: a de planificar conxuntamente, mediante un debate construtivo, o papel dunha institución fundamental no estado de dereito, nunha sociedade democrática: a xustiza como un instrumento esencial a través do que se debe canalizar a defensa e a garantía dos dereitos fundamentais e cívicos das persoas”.

Avances “substanciais” nos últimos tres anos
No transcurso da súa intervención, Pérez Touriño tamén salientou os “avances substanciais” logrados polo seu Goberno nos tres últimos anos na xestión das políticas públicas da súa competencia en materia de xustiza. Así, o presidente da Xunta destacou a potenciación da innovación tecnolóxica, a xestión coordinada das infraestruturas xudiciais, o diálogo permanente con todos os sectores vinculados á Administración de Xustiza e a colaboración con outras Administracións responsables neste eido.

Concretamente, lembrou que, a Consellería de Presidencia, en colaboración co Ministerio de Xustiza, está a implantar nos xulgados galegos a plataforma informática MINERVA, un sistema de xestión integral das oficinas xudiciais, que se prevé que este mesmo ano estea incorporado en todos os xulgados galegos.

Así mesmo, referiuse ao Programa de Rexistro Civil en Liña, mediante o cal se están a informatizar todos os rexistros civís a cargo dos 45 xulgados de Primeira Instancia. Destacou tamén que mediante un convenio coa entidade estatal RED.ES durante este ano 2008 se procederá á incorporación da rede informática de xustiza dos 270 xulgados de paz. E por último, que o rexistro civil da Coruña comezará durante este 2008 o proceso de dixitalización dos seus libros.

Xunto con isto, lembrou que se teñen creado 32 novas unidades xudiciais desde o ano 2005, o que significa crear “máis de oito novas unidades xudiciais ao ano”; e que se ten asinado un acordo con todos os sindicatos representativos dos funcionarios de xustiza para a modernización e mellora da xustiza en Galicia.

Violencia de xénero e idioma
O presidente da Xunta quixo resaltar, en especial, os avances que se teñen producido no ámbito da loita contra a violencia de xénero e no ámbito do idioma.

Respecto do primeiro, destacou que se teñen creado dous xulgados específicos de violencia de xénero (un en Vigo que entrou en funcionamento en decembro de 2006, e outro na Coruña, en xuño de 2007); salas de espera de vítimas de violencia en diferentes unidades xudiciais; que se teñen aprobado medidas de reforzo con incentivos económicos para os xulgados que teñen atribuídas competencias nesta materia; posto en marcha un programa de reeducación para maltratadores de xénero; ou colaborado co Instituto de Medicina Legal de Galicia para a elaboración dun manual de valoración forense integral de violencia de xénero.

Polo que respecta ao idioma, Pérez Touriño explicou que se ten avanzado na normalización da lingua galega en toda a administración de xustiza de Galicia, impulsando a súa utilización, potenciando os servizos de tradución e dotándoos dos medios suficientes para atender todo tipo de traducións e interpretacións, e manifestado o compromiso de establecer os convenios necesarios para que o sistema informático dos órganos xudiciais permita o uso do galego e do castelán.

Para ver a listaxe cos compoñentes da Comisión redactora do Libro Branco da Xustiza en Galicia, prema aquí.

Los comentarios están cerrados.