As dependencias de Xustiza no edificio PROA contarán con todas as medidas de seguridade e saúde laboral oportunas

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza garante que as dependencias de Xustiza que se trasladen ao Edificio Proa da Coruña contarán con todas as medidas de seguridade e saúde laboral oportunas. Na operación de adaptación e reforma que se levará a cabo nos espazos deste edificio previamente á súa ocupación –e que se fará con tempo suficiente- conformaranse lugares funcionais e confortables para desenvolver o traballo propio da Administración de Xustiza. Neste sentido, a Consellería solicitará o informe de Inspección de Traballo sobre a sede, o cal afecta a andares do inmoble diferentes aos que se ocuparán por dependencias de Xustiza. Ademais, o departamento de dirixido por José Luis Méndez Romeu poñerá especial coidado nas operacións de reforma relacionadas coa instalación dos sistemas de climatización para que a temperatura nos lugares de traballo se atope sempre nos parámetros establecidos na normativa vixente.

A Xunta de Galicia procedeu a alugar ao redor de 2.000 metros cadrados no Edificio Proa, en Matogrande, tras o concurso público no que a única oferta presentada foi esta. Unha das directrices que presidiu a contratación consistiu en alugar un espazo suficiente para concentrar algunha xurisdición completa; desta maneira, a Consellería de Presidencia desexa evitar que as necesidades de espazo vinculadas ao crecemento da planta xudicial se vaian cubrindo a través do alugueiro de pequenos locais, xa que este modelo provoca problemas relacionados coa dispersión e non garante a existencia de espazo suficiente para o previsible crecemento da planta xudicial.

Esta medida permitirá ordenar axeitadamente a instalación de dependencias propias da Administración de Xustiza ata a futura construción dun edificio no Peirao. Ao alugarse máis metros cadrados dos estritamente necesarios na actualidade, iso permitirá dispoñer de espazo para afrontar o futuro crecemento da planta xudicial e, ao mesmo tempo, a liberación de espazo nos xulgados da Praza de Monforte permitirá a mellora destas instalacións que dende o 2005 xa foron obxecto de diversas obras e que sería imposible rehabilitar se eses espazos estiveran ocupados.

De feito, o actual Goberno galego, tras a política de falta de previsión dos anteriores xestores de Xustiza, viuse obrigado a acomodar en dependencias non axeitadas as novas unidades xudiciais que comezaron o seu funcionamento a finais de 2005 e en 2006. Así, por exemplo, o xulgado de primeira instancia número 11 tivo que instalarse no edificio da Audiencia Provincial tras a modificación de urxencia acometida para transformar unha sala de vistas. Actualmente, inténtase poñer fin a esta falta de previsión e mirar cara ás posibles necesidades futuras, e neste sentido dende a Consellería de Presidencia se considera que os intereses particulares non deben obstaculizar o crecemento da planta xudicial coruñesa.

Diálogo permanente

A Consellería de Presidencia, a través da súa Dirección Xeral de Xustiza, está aberta ao diálogo permanente coas autoridades xudiciais, as cales xa valoraron o esforzo da Xunta para dotar ao partido xudicial da Coruña das instalacións que necesita, e cos traballadores. Neste sentido, a Consellería despachou este asunto coas autoridades xudiciais e, a petición do xuíz decano, celebrou unha xuntanza cos titulares dos xulgados do contencioso e do social e comprométese a reunirse con quen o solicite para tratar que a decisión a tomar pola Consellería conte con todos os puntos de vista necesarios.

Neste sentido, os representantes do Poder Xudicial –aos que se lles trasladara hai meses a posibilidade do traslado- lle fixeron saber á Consellería de Presidencia o recoñecemento da necesidade e da idoneidade desta medida e a gratitude polo esforzo económico que isto supón para o Goberno galego. O xuíz decano, Antonio Fraga Mandián, e o presidente da Audiencia Provincial da Coruña, José Luis Seoane Spiegelberg, son coñecedores desta actuación e están compracidos co feito de que alguén busque solucións ás necesidades de espazo que afectan ao partido xudicial coruñés.

Polo tanto, a través do traslado de certas unidades xudiciais a Xunta trata de garantir que a ausencia de espazo na actualidade nas dependencias da Coruña non obstaculice que o partido xudicial acolla as unidades que se poidan necesitar e que sexan concedidas nun futuro, ademais de proporcionarlle un servizo de maior calidade ao cidadán. Así, é unha solución necesaria para a continuidade da planta xudicial coruñesa e que está consensuada coas autoridades xudiciais da cidade herculina.

Los comentarios están cerrados.