- Ademais do conselleiro, integran a estrutura da Consellería a Secretaría Xeral e seis direccións xerais: Xustiza, Administración Local, Relacións Institucionais e Parlamentarias, Emerxencias e Interior, Relacións Exteriores e coa Unión Europea e Avaliación e Reforma Administrativa
-
Tamén se lle adscriben as delegacións da Xunta de Galicia no exterior, o IMELGA, EGAP, AGASP, AXEGA e as cinco delegacións territoriais da Xunta de Galicia, que dependen organicamente da consellería
Fonte: Xunta de Galicia
O Consello da Xunta de Galicia deu esta mañá, na súa xuntanza celebrada en Pontevedra, o visto e prace ao decreto polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Entre as súas competencias figura prestar apoio e asistencia á Presidencia da Xunta e a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de xustiza, administración local, relacións institucionais e parlamentarias, emerxencia e interior, relacións exteriores e coa Unión Europea e avaliación e reforma administrativa.
Ademais do conselleiro, integran a estrutura da consellería a Secretaría Xeral; seis direccións xerais (Xustiza, Administración Local, Relacións Institucionais e Parlamentarias, Emerxencias e Interior, Relacións Exteriores e coa Unión Europea e Avaliación e Reforma Administrativa) e as cinco delegacións territoriais da Xunta de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo). Ademais, tamén se lle adscriben as delegacións da Xunta de Galicia no exterior, o Instituto de Medicina Legal de Galicia, e os organismos autónomos da Escola Galega de Administración Pública, a Academia de Seguridade Pública e a Axencia Galega de Emerxencias.
Segundo se recolle no decreto, as unidades administrativas da Secretaría Xeral serán unha Vicesecretaría Xeral e as subdireccións xerais de Servizos Comúns, de Xestión Económica e Persoal e de Contratación.
A Dirección Xeral de Xustiza exercerá as competencias que lle corresponden á Xunta de Galicia aos medios persoais, económicos e materiais ao servizo da Administración de xustiza; á promoción e desenvolvemento do dereito civil de Galicia; á demarcación e planta xudicial, notarial e rexistral e ao acceso dos cidadáns á xustiza en igualdade de oportunidades. No exercicio das súas competencias, correspóndenlle as relacións ordinarias cos órganos do Poder Xudicial, o Ministerio de Xustiza e demais institucións relacionadas co ámbito xurisdicional. Na súa estrutura intégranse as Subdirección Xeral de Relacións e Recursos Humanos da Administración de Xustiza; a de Medios; e o Servizo de Programas e Estudos.