A directora xeral de Xustiza, Begoña Santos Fernández, asegurou hoxe que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, está a realizar un “importante esforzo” no acondicionamento das sedes xudiciais de Galicia para mellorar a situación existente hai tres anos, no momento do cambio de Goberno. Na Comisión 1ª, en resposta a unha pregunta parlamentaria, Santos especificou que, en datas recentes, na provincia de Ourense entrou en funcionamento a nova sede de Bande e que ao longo destes anos acometéronse obras menores en diversas sedes xudiciais da provincia. Isto permite afirmar, segundo dixo, que os edificios xudiciais das vilas da provincia están adaptados á función xudicial “sen carencias significativas”.
En relación coa sede xudicial de Ourense, a directora indicou que as actuacións previstas pola Consellería de Presidencia respecto aos órganos xudiciais situados na cidade son “ambiciosas”, xa que non tratan só de habilitar un espazo específico para o xulgado de garda, de ampliar as dependencias do servizo común de notificacións e embargos e de situar o novo xulgado de recente creación -que entrará en funcionamento a finais de ano-, senón que ademais as actuacións previstas inclúen a dotación de espazos para ubicar a Oficina de Atención ás Vítimas e á Cidadanía e para optimizar as actividades desenvolvidas no Pazo de Xustiza.
Segundo explicou, o desenvolvemento destas obras está previsto en dúas fases: unha primeira -que xa está en marcha-, consistente no traslado ao edificio Solaina do rexistro civil e o local sindical -e que a maiores permitirá prover de espazo adecuado para poder situar un novo órgano xudicial-; e outra, que terá lugar case de forma paralela segundo vaian avanzando os traballos do edificio Solaina, consistente nas obras no baixo andar do Pazo de Xustiza que se atopa na Praza de Concepción Arenal.
A obra consiste na reforma parcial desta planta baixa do Pazo de Xustiza modificando as zonas da policía xudicial e dos procuradores, substituíndo o Rexistro Civil polo novo xulgado e reorganizando e ampliando a zona destinada a notificacións e embargos. Esta zona compartirá espazo co xulgado de garda, que se situará ao seu carón ao eliminar desta planta os despachos dos forenses.
“Trátase, polo tanto, de adaptar a planta actualmente existente para optimizar algunhas das actividades desenvolvidas no Pazo de Xustiza e trasladar o Rexistro Civil a un local próximo, e de eliminar as consultas dos forenses que xa se recolocaron no edificio da antiga Cámara da Propiedade”, declarou Santos. Así mesmo, afirmou que a decisión de trasladar dependencias do Pazo de Xustiza ao Edificio Solaina non é “unilateral”, senón que “é algo que xa foi decidido cos órganos de goberno xudiciais e cos avogados e procuradores” e foi nese diálogo cando se plantexaron as posibilidades de traslado indicadas, “pensando no mellor para todos os actores”. Tamén lembrou que estas son reformas provisionais, ata a execución do novo edificio xudicial na cidade.
Colexio de Procuradores
Sobre o posible traslado do Colexio de Procuradores, a directora xeral citou o recollido na Lei de axuizamento civil no relativo ao Servizo Común de Notificacións, que establece que “os actos de comunicación cos procuradores realizaranse na sede do tribunal ou no servizo común de recepción organizado polo Colexio de Procuradores. O réxime interno deste servizo será competencia do Colexio de Procuradores, de conformidade coa lei”. Polo tanto, dixo, o que debe estar na sede xudicial é este Servizo Común de Notificacións, e non o Colexio en si.
Coa reforma posta en marcha pola Consellería de Presidencia, afirmou Santos, o que se pretende é manter no Pazo de Xustiza este Servizo Común con espazo suficiente, e equivalente ao existente nas demais cidades galegas, para desenvolver o seu labor. Salientou que, desta maneira, obterase espazo para dedicar aos servizos públicos da Xustiza, reorganizando e ampliando dependencias xudiciais e apostando por ofrecer ao cidadán unhas dependencias xudiciais de calidade, mentres que a institución privada do Colexio Oficial de Procuradores debe financiar a súa propia ubicación para as demais actividades que non sexan as recollidas nas previsións legais anteriormente mencionadas.