A directora xeral de Xustiza, Begoña Santos Fernández, asegurou que a comarcalización dos xulgados de violencia de xénero foi considerada como a solución “idónea” polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) cando, tal e como ocorre en Galicia, os módulos de entrada establecidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) non son suficientes para crear xulgados de violencia de muller exclusivos. A directora fixo estas declaracións esta mañá en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre a comarcalización dos xulgados de violencia sobre a muller e a creación de novas unidades.
“Esperamos que esta idea poida ser finalmente unha realidade”, declarou Santos, que tamén aproveitou para remarcar que o proxecto do Ministerio “non é máis que iso, un proxecto” e que, en todo caso, aínda está “pendente de aprobarse” cales serán os xulgados susceptibles de comarcalización en materia de violencia sobre a muller.
Segundo a directora xeral a proposta do Goberno de Galicia, remitida no seu día ao Ministerio de Xustiza, foi a creación de xulgados exclusivos de violencia sobre a muller nas cidades de Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela, ao xa existir na Coruña e Vigo xulgados exclusivos neste eido.