A Coruña contará cun novo xulgado do mercantil a partir do 1 de abril de 2009

logo-xunta

Fonte: Páxina web Xunta de Galicia

A cidade da Coruña contará a partir do día 1 de abril de 2009 cun novo xulgado do mercantil (o número 2). Esta é a data prevista para a súa entrada en funcionamento, segundo llo comunicou o Ministerio de Xustiza á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Con esta nova sede xudicial, o Goberno central atende a proposta realizada desde este departamento autonómico, a través da Dirección Xeral de Xustiza.

No comunicado recibido do Ministerio de Xustiza explícase que con carácter previo á elaboración do proxecto de real decreto polo que se dispón a creación e constitución de 15 xulgados para a mellora da xurisdición mercantil en 2009, prevese a creación e constitución do xulgado do mercantil nº2 da Coruña, xustificada pola carga de traballo e co fin de mellorar a xurisdición mercantil.

A Consellería de Presidencia quere amosar a súa fonda satisfacción con este anuncio, que é o froito das xestións levadas a cabo pola Xunta de Galicia para a creación deste xulgado mercantil, demandando esta sala diante do Ministerio de Xustiza.

A Administración galega expresou en numerosas ocasións e en diversos foros a necesidade desta nova unidade xudicial, atendendo o seu compromiso coas empresas de cara a axilizar os procedementos afectados pola Lei Concursal, co fin de reducir os tempos de tramitación e abordar con máis celeridade os procedementos derivados do elevado número de empresas que se acollen á dita lei.

Tanto a Consellería de Presidencia como o Ministerio de Xustiza consideran que a creación do Xulgado do Mercantil era un obxectivo xusto e necesario, que se vai facer realidade na vindeira primavera grazas ao bo facer das administracións autonómica e central, recollendo o sentir das forzas económicas.

Desde a Consellería agárdase poder ter en vindeiras datas noticias neste eido respecto da cidade de Vigo, para a que se ten reclamado tamén en numerosas ocasións a necesidade dun xulgado mercantil. O conselleiro de Presidencia xa anunciou ademais que a cidade olívica contará cunha oficina delegada do Rexistro Mercantil

Los comentarios están cerrados.