A Consellería de Presidencia di que o Libro Branco da Xustiza en Galicia será “unha guía de acción” nesta materia “para o vindeiro goberno

O secretario xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Santiago Roura Gómez, cualificou esta mañá o Libro Branco da Xustiza de Galicia como “unha guía de acción en Administración de xustiza para o vindeiro goberno, sexa quen sexa o que leve esa responsabilidade”. Así o expuxo Santiago Roura na Comisión 1ª do Parlamento á que acudiu a respostar a unha pregunta sobre o proceso de elaboración e o contido do citado Libro.Neste sentido, Santiago Roura dixo que esta iniciativa levada a cabo polo seu departamento é unha das “máis saudadas e celebradas neste eido nos últimos tempos” e expresou o seu desexo de que nunha lexislatura vindeira os temas relacionados coa xustiza en Galicia se xestiónen coa “mesma sensibilidade” coa que a actual Consellería de Presidencia o está a facer. Ademais, Roura tamén fixo referencia á independencia da redacción dos traballos do Libro Branco co tempo político, principio que considerou como un dos seus valores fundamentais.

Segundo o secretario xeral a composición da Comisión do Libro Branco é unha das posibles, e existen outros modelos e posibilidades. Así, dixo que o feito de que a comisión este formada por arredor de catro decenas de persoas fai que teña un número suficientemente elevado que garanta a súa operatividade e non que o converta nunha reunión “pouco práctica e operativa”. Neste sentido, tamén expuxo a súa intención de que unha vez concluídos os traballos do Libro Branco “estes sexan postos en común con todos os colectivos -francamente numerosos e heteroxéneos- que poidan ter interese nas súas conclusións”.

“Había outros modelos, seguramente”- continuou Roura- “pero corriamos o risco de caer no asemblearismo, que é unha formula de traballo que, mesmo nas organizacións que a teñen máis asentada, nos últimos tempos esta a ser substituída por outras máis operativas como xustamente esta que decidiu a Consellería de Presidencia”.

Roura Gómez tamén comentou que a ordenación dos traballos é o produto da “ordenación consensuada” e que os membros do Plenario acordaron as datas previstas por unha “cadencia planificadora”. “Na Consellería gustamos de planificar” –dixo-, “e se planificaron eses traballos de maneira consensuada, igual que a identificación dos ponentes e igual que, de xeito absolutamente voluntario, os membros do Plenario decidiron adscribirse a nunha ou máis das ponenecias constituídas”.

Estrutura do Libro Branco
O libro estruturarase en ponencias, aprobadas polo Pleno, un documento de anexos e un elenco de recomendacións. Segundo o secretario de Presidencia a inxente cantidade de materiais que conforma no anexo está relacionado coa “importancia, a transcendencia e a seriedade dos traballos que se están a desenvolver”, xa que son moitísimos os traballos que se están a intercambiar os membros do Plenario do Libro Branco “por correo electrónico”. Neste sentido, segundo Roura, a Consellería está poñendo a disposicións dos ponentes, dos membros dos relatorios e de quen os solicita “os materiais máis diversos en relación co que sucede noutras comunidades autónomas, con datos agregados e desagregados, e coa cuantificación posible de xustiza: orzamentos, persoal, etcétera”. Será neste apartado de anexos e recomendacións onde estarán presentes as “diferentes sensibilidades” implicadas no asunto.

As conclusións fundamentais dos traballos de redacción do Libro Branco, continuou expoñendo, traducirán “a pluralidade en oportunidade” e o desexo dunha reflexión procesual e que “non só ten porque estar cinguida ao ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia senón que como se di na propia exposición de contidos pode ir alén”. De aí que, tal e como comentou, se algunhas destas conclusións tiveran que ver con responsabilidades estatais “haberá foros para transmitila”. “O contacto da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza coas homólogas do Ministerio, así como do Consejo General del Poder Judicial é continuo e fluído e non haberá inconveniente ningún de que esas conclusións feitas desde Galicia se transfiran ao responsables estatais”, asegurou.

Por último, en canto á necesidade da reflexión sobre a lingua en Xustiza comentou que no Libro Branco existe unha ponencia, á de cidadáns, dedicada -entre outros mesteres – aos dereitos lingüísticos no eido da xustiza. Esta necesidade é, segundo dixo, “de primeira orde para a Comisión”, especialmente “desde o punto de vista da consideración da administración de xustiza como servizo público e polo tanto amoldado as necesidades que plantexen os seus potenciais usuarios”.

Los comentarios están cerrados.