Santiago, 2 de abril de 2009.- A partir de hoxe a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pon a disposición de todos os cidadáns o documento Reflexións sobre a Xustiza. Unha aportación desde Galicia ubicado no apartado de “destacado” da páxina web da Xunta de Galicia: http://www.xunta.es/arquivos/ReflexionsSobreAXustiza.pdf
As reflexións que contén este texto teñen a súa orixe na decisión que adoptou a Consellería de Presidencia, en xuño de 2008, de redactar un libro branco da Administración de xustiza en Galicia. Con esta iniciativa pretendíase trasladar aos responsables da xestión pública nesta área un documento que, transcendendo a problemática do caso concreto en que xeralmente se presentan as cuestións da xustiza, lograse propiciar un debate de maior fondura do cal obter un diagnóstico sobre a xustiza máis profundo e máis preciso, unha necesidade notoria do sector. Deste xeito, a Consellería pretendeu transformar a complexidade estrutural da xustiza nunha oportunidade de mellora dunha Administración orientada ao servizo da cidadanía a través da redacción dun documento que servise como modelo de referencia para o redeseño das políticas públicas na área xudicial na Comunidade Autónoma de Galicia e, de ser o caso, fóra dela.
Na súa elaboración participaron un nutrido grupo de profesionais representantes do conxunto de sectores e sensibilidades actuantes no ámbito da xustiza, que constituíron a comisión para o estudo e preparación deste Libro branco. En total, foron 42 representantes pertencentes ao equipo directivo da Consellería, responsables institucionais da xudicatura -o colectivo máis numeroso-, o Ministerio Fiscal, os secretarios xudiciais e os funcionarios ao servizo da Administración de xustiza, representantes das asociacións, así como colexios profesionais de avogados e procuradores, xustiza de paz e expertos universitarios.